Os estados da UE avogan por baixar a idade mínima para conducir a 17 anos mais con condicións. Cales son?

A medida pactárona os ministros de Transportes da UE durante unha reunión en Bruxelas.

Vehículos na frontera Galiza-Portugal, na zona da ponte internacional Tui-Valença (Europa Press).
photo_camera (Europa Press).

Os estados membros da Unión Europea acordaron que se poida empezar a conducir coches desde os 17 anos, a condición de que se faga acompañado dun maior de 24 que teña o carné desde polo menos cinco anos, aínda que a normativa definitiva aínda terá que negociarse co Parlamento Europeo.

A medida, que pactaron os ministros de transporte da UE durante unha reunión en Bruxelas, prohibe ao acompañante perder o seu carné de conducir nos cinco anos previos. Ademais, prevé que só se poida conducir un vehículo con 17 anos no propio país que emitiu o carné de conducir e non no resto de Estados membros.

Por outra parte, os ministros tamén estiveron de acordo de acordo en rebaixar a idade de condución de camións aos 18 anos, desde os 21 actuais, aínda que con varias excepcións. Esta medida só afectaría á condución de camións de bombeiros, os utilizados para o mantemento da orde pública e os que se sometan a probas na estrada para a súa reparación ou mantemento.

Os ministros tamén se aliñaron coa proposta da Comisión Europea para que a retirada do permiso de conducir nun Estado membro implique automaticamente que esa persoa non poida conducir en ningún país da Unión Europea.

Actualmente, esa lexislación só cobre infraccións como exceso de velocidade ou condución baixo os efectos das drogas, e Bruxelas quere que se estenda tamén a casos de condución sen manter distancia de seguridade, adiantamento perigoso, condución en sentido contrario ou usar vehículos sobrecargados.

Os países, pola súa parte, engadiron delitos como o incumprimento das restricións de acceso de vehículos ou das normas nun paso a nivel ferroviario, así como casos de atropelo e fuga.

Os ministros de Transporte tamén acordaron un enfoque común sobre a actualización das normas sobre os tempos de descanso dos condutores profesionais que realizan transportes ocasionais de pasaxeiros, como autobuses turísticos.

Comentarios