28-M

'Desautoxicar' as cidades: 800.000 vehículos entran a diario nas urbes da Galiza

O 28-M é un bo momento para tomar o pulso a como afrontaron as cidades galegas nestes anos os retos e as obrigas a respecto dunhas urbes nas que as persoas gañen espazo fronte a un parque de vehículos que durante anos foi quen determinou como debían ser as cidades.

ponte
photo_camera Unha praza recuperada para o público en Ponteareas. (Foto: Concello de Ponteareas)

Ao redor de 800.000 vehículos  acceden a diario ás sete cidades galegas, segundo o último estudo do Ministerio de Fomento correspondente a 2018 e que só contemplaba a entrada a través das vías de acceso principais. Non é un número pequeno, tendo en conta que todos os habitantes desas sete urbes suman ao redor de 988.000 persoas.

Un volume tan alto de circulación rodada implica non poucas consecuencias nas cidades: en contaminación, en seguridade viaria, en sacrificio de espazos públicos ou en custos para a saúde. De aí que desde hai anos se impulsasen nas cidades galegas —non ten todas, nin ao mesmo ritmo nin implicación— políticas e iniciativas que pivotasen sobre unha mobilidade urbana na que o vehículo fose menos protagonista. 

Unha tarefa nada doada tendo en conta que, e só falando de 'turismos', en Vigo hai rexistrados 153.000, na Coruña 113.000 e en Pontevedra 40.000, por pór tres exemplos.

ZEB

A Lei para o Cambio Climático e Transición Ecolóxica de maio do 2021 fixa que os municipios de máis de 50.000 habitantes haberán de estabelecer zonas de baixas emisións (ZBE) para 2023, limitando —e mesmo penalizando— a circulación de vehículos a motor. 

As sete cidades galegas estaban incluídas, mais a este ano chegouse con só Pontevedra coas tarefas feitas. E fíxoo cun 'modelo propio', reduciu as emisións en 70% e só 10% dos desprazamentos no centro fanse en coche. A maioría dos coches que tiñan a súa orixe e destino dentro da cidade xa non se moven. Os 52.000 desprazamentos rexistrados en 1997 convertéronse agora en apenas 17.000.

Vigo confía en ter en 2024 activas as súas ZBE, que serán catro: Centro, Praza de Portugal, O Calvario e Bouzas. É a cidade do Estado con máis coches por habitante como consecuencia dos cales o tráfico emite dúas toneladas de dióxido de carbono por habitante e ano. Alén das persoas autóctonas, cada día entran e saen da cidade só por dous puntos (Avenida de Madrid e AP-9) 93.000 vehículos.

Na Coruña activaron en xaneiro dúas destas zonas de baixas emisións na Mariña e mais na Cidade Vella. Son dúas áreas nas que o tráfico xa estaba restrinxido a residentes e transporte público, polo que non supoñen grandes cambios.

Gañar espazos

Ao longo deste mandato desenvolvéronse diferentes actuacións nas cidades de cara a dar maior protagonismo ás persoas. Hai iniciativas paralizadas, como o Plan de mobilidade urbana (PMUS) de Ferrol; e hai onde se produciron avances de calado, como en Lugo e a súa aposta pola peonalización, gañando unha quincena de rúas para a xente. En Ourense, onde en 2019 se aprobara o seu Plan de mobilidade urbana, dous anos despois só unha das sete medidas urxentes desta proposta estaba activa, segundo denunciaba a oposición.

Mais as diferentes apostas por dar protagonismo ás persoas fronte aos motores non é un debate ou experiencia exclusiva das cidades, senón que na Galiza tamén se estende a vilas e localidades. Un exemplo é a Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público impulsada pola Deputación de Pontevedra. 

O obxectivo é que, unha vez executados todos os proxectos e obras, a cifra de metros cadrados recuperados para as persoas supere amplamente os 210.000, consolidando así un modelo e unha filosofía na que se busca priorizar as mobilidades naturais (a pé e en bicicleta) fronte as motorizadas.

Como nos movemos?

Os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) a principios de ano permitían ter unha imaxe de cal é o medio de transporte que usa con máis frecuencia nas cidades galegas para ir traballar ou estudar.

Ferrol e Vigo lideraban a clasificación de urbes onde máis se recorre ao vehículo privado (70% e 62% respectivamente), mentres que a opción do transporte público ten os seus mellores rexistros na Coruña, con 20%. 

A escolla de ir camiñando a traballar ou estudar ten as súas porcentaxes máis representativas en Ourense e en Pontevedra, abeirando 30%. A continuación, sitúase Santiago de Compostela, con 25%.

A respecto do nivel de satisfacción en cada unha das sete cidades galegas a respecto do tempo que lles é preciso investir para se desprazar até o lugar de traballo ou estudo, Ferrol e Pontevedra lideran as respostas de "moi satisfeito", con 42%.


Frases comúns, políticas diferentes

O programa electoral do Partido Popular para as eleccións municipais do día 28 compromete nos concellos a "habilitar hubs (centros) de mobilidade que acheguen solucións para vehículos de residentes e rotación, así como a integración dentro da engrenaxe do sistema das novas formas de mobilidade, carsharing, loxística".

Pola súa parte, o programa electoral do BNG considera que a invasión "indiscriminada" dos automóbiles nos espazos públicos forzou unha pri-vatización que hai que reverter "en beneficio da xente". O nacionalismo entende que nas cidades e vilas debe haber unha nova "relación xerárquica: peón, bicicleta, transporte público e automóbil.

O PSdeG avoga no seu programa polo "reequilibrio do espazo público, priorizando as e os peóns e o destinado á mobilidade sostíbel fronte ao vehículo privado, garantindo que este mesmo reequilibrio sexa sustentábel e responsábel co uso privativo".

Comentarios