A Xunta elude garantir que a sociedade que impulsa para as renovábeis sexa pública

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira iniciar a tramitación da lei para que os beneficios do aproveitamento de recursos naturais "revertan" nas galegas e galegos. Porén, o xefe do Executivo non se comprometeu a que a empresa mixta que se creará ao efecto sexa de participación maioritariamente pública.

Varios cabalos pacen na contorna do parque eólico de Tronceda, na serra do Xistral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Varios cabalos pacen na contorna do parque eólico de Tronceda, na serra do Xistral. (Foto: Europa Press)

O Consello do Goberno galego aprobou esta quinta feira iniciar a tramitación da lei para que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais galegos se reinvistan na Galiza. Unha lexislación que, explicou o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, vai permitir "novidades" como a creación dunha sociedade mixta público-privada para que nos proxectos de renovábeis "parte dos beneficios que se xeren teñan un impacto directo en toda a Galiza, e especialmente nos lugares nos que se instalen”. 

O mandatario galego dixo que a nova lei non se limitaba á eólica e ás renovábeis, senón que tamén se abría a explotacións mineiras e proxectos que precisan concesión de augas para obter enerxías (encoros). Todo iso, insistía Rueda, sempre baixo o prisma de procurar que parte dos beneficios revertan ou redunden en beneficio da sociedade galega. "A nosa auga, o noso vento, o noso sol teñen que ter un retorno para os galegos e galegas", manifestou.

 Mais non se garante que a empresa mixta que anunciou oficialmente a Xunta da Galiza e chamada a xogar un papel nese "retorno dos beneficios" sexa de participación maioritariamente pública. Polo menos, esa dúbida non foi quen de resolvela esta quinta feira Alfonso Rueda malia as reiteradas preguntas da prensa na rolda posterior ao Consello do Goberno. Desbotou, iso si, que esa sociedade fose 100% pública. Algo que si acontece noutros países europeos, como Noruega, onde a empresa Statkraft, o maior xerador de enerxía renovábel en Europa, é de capital 100% público. 

En canto a que o peso das Administracións públicas sexa maioritario, respondeu cun "non o confirmo, xa veremos". O presidente abriu a sociedade mixta a todas as Administracións e mostrouse convencido do interese que esta fórmula xera no sector privado. "O importante é que esta sociedade mixta funcione", sentenciou.

Tamén a preguntas dos medios, Rueda recoñeceu que a lei que esta quinta iniciou a súa tramitación e a nova sociedade mixta non van afectar os proxectos enerxéticos xa existentes ou en marcha. Afirmou que será para os que se poñan en andamento no futuro e, acrecentou, non para todos, senón só para aqueles que a empresa considere de interese.

Sen efecto nos miles de MW instalados

Así pois, e só no campo da enerxía eólica, non haberá ese retorno de beneficios á sociedade galega polos 187 parques e 3.897 megawatts de potencia instalada que había na Galiza ao arranque de 2022. Nin polos 2.100 MW que o Goberno galego autorizou entre finais de 2022 e principios de 2023. Só durante os sete primeiros meses de 2022 o diñeiro expatriado da Galiza polas empresas enerxéticas xerado a partir da eólica elevouse a máis de 970 millóns de euros. 

A creación dunha empresa público-privada para "promover proxectos de enerxía renovábel" que o Goberno galego aplaude en 2023 contradí a postura defendida por ese mesmo Executivo desde 2009. Foi un Goberno do PP o que vetou e baseou a anulación do concurso do Executivo de PSdeG e BNG en que ese tipo de sociedade mixta era un "atentado á liberdade de empresa". Mais Alfonso Rueda, a preguntas de Nós Diario sobre ese cambio de actitude, dicía que esa fórmula mixta agora "é beneficiosa" porque estamos vivindo "momentos de madurez". "Figuras deste tipo son necesarias", engadiu. 

Canon á eólica mariña

A futura lei tamén incorporará outra novidade: unha figura de canon que afectará as conexións e liñas de evacuación eléctricas dos futuros parques eólicos cando estas toquen terra. Os parques terrestres xa pagan ese gravame, dentro do canon eólico. Un imposto que en 2016 recadaba na Galiza 23.062.774 euros e en 2021 un total de 22.142.071 euros. Case un millón de euros menos malia que en 2021 o número de parques eólicos na Galiza eran 31 máis que cinco anos antes.

Unha Sogama multiplicada por 15

O Consello da Xunta da Galiza tamén aprobou declarar Sogama como Proxecto de Interese Autonómico (PIA) con vistas a facilitar os trámites en procesos de futuras ampliacións. Rueda lembrou que as instalacións de Sogama ocupan 50.000 metros cadrados, mais a idea é que, "de ser necesario", poidan chegar a 750.000 m2, 15 veces máis que agora. Entre esas futuras ampliacións habería instalacións de diverso tipo e finalidade, como unha planta de clasificación de escouras. 

As máquinas doadas por Ortega, na privada

O presidente tamén defendeu na súa comparecencia que o seu antecesor no cargo e actual líder do Partido Popular no ámbito estatal, Alberto Núñez Feixoo, cedese a unha entidade privada como é o Centro Oncolóxico -clínica localizada na Coruña-, máquinas doadas polo fundador de Inditex, Amancio Ortega, á sanidade pública. Rueda xustificou isto "mentres non poidan ir ao seu lugar definitivo eses aparellos, que será nun hospital público". "Creo que a xente que se está beneficiando do seu funcionamento agradece que se poidan estar a usar xa", advertiu, antes de engadir que, na súa opinión, isto "ten pouca discusión"

Rueda segue Díaz Ayuso e a Xunta recorrerá o imposto ás grandes fortunas

O imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas aprobado polo Goberno español, coñecido popularmente como o "imposto aos ricos" e que deberán abonar as persoas cun patrimonio superior aos 3 millóns de euros, foi unha das cuestións que máis criticou nos últimos meses o líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, que encabezou unha feroz campaña a prol da supresión deste tributo extraordinario á que non tardaron en sumarse dirixentes 'populares' como Isabel Díaz Ayuso ou Juanma Moreno.

Tamén o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que viña advertindo da posibilidade de acudir aos tribunais desde un tempo atrás e que esta quinta feira confirmou que se suma á batalla legal. "Na práctica, anula e desactiva calquera bonificación da Xunta", asegurou, cargando contra este novo tributo con carácter temporal, que non dubidou en cualificar de "ataque directo" e que, a xuízo do seu equipo de Goberno, podería ser tombado polo Tribunal Constitucional. Mais a Xunta da Galiza non é a primeira institución que recorre o imposto.

Os datos achegados en setembro de 2022 pola Axencia Tributaria no marco da campaña de recadación do Imposto de Patrimonio sitúan a Galiza como a segunda autonomía do Estado español, tras Madrid, que maiores fortunas acolle: un patrimonio medio de 6 millóns de euros para cada unha das 8.242 persoas que pagan este tributo por superaren os 700.000 euros —excluída vivenda habitual até 300.000 euros—.

Comentarios