A UE asómase á recesión tras caer o PIB no último trimestre de 2022

O Euribor marca o seu récord desde 2008 e continúa achegándose ao limiar de 4%.
Dombrovskis e Gentiloni, comisarios de Comercio e Economía (Foto: Comisión Europea / DPA).
photo_camera Dombrovskis e Gentiloni, comisarios de Comercio e Economía (Foto: Comisión Europea / DPA).

O crecemento económico da zona euro estancouse no cuarto trimestre de 2022 ao obter a mesma taxa dos tres meses anteriores cunha evolución do produto interior bruto (PIB) de 0,4%, segundo a última lectura do dato publicada por Eurostat, que recortou unha décima a súa estimación preliminar.

A oficina estatística comunitaria revisou unha décima á baixa o dato de evolución do PIB para o conxunto da Unión Europea (UE), que no cuarto trimestre de 2022 rexistrou unha contracción de 0,1%, asomándose á recesión técnica despois da expansión de 0,4% observada no terceiro trimestre de 2022.

En comparación co cuarto trimestre de 2021, o crecemento da zona euro foi de 1,8%, mentres que o do conxunto da UE foi de 1,7%. Así mesmo, segundo os cálculos de Eurostat, o PIB da eurozona aumentou 3,5% en 2022, mesma taxa que no total dos Estados da UE.

Os datos da oficina europea de estatística apuntan tamén a un aumento do número de persoas empregadas de 0,4% tanto na eurozona como na UE no último trimestre de 2022 en comparación co trimestre anterior.

Volven as normas de déficit

A Comisión Europea eliminará a suspensión das regras fiscais que se estabeleceron para facer fronte á pandemia da Covid-19 a finais de 2023. Así, Bruxelas instaurou un período de transición, previo á aprobación dun novo marco fiscal, que terá sendas adaptadas a cada Estado da UE.

Ademais, a partir de 2026, o Executivo comunitario volverá exixir a todos os Estados da UE que o déficit máximo non supere 3%, así como unha evolución descendente da débeda.

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) ve factíbel que o Estado español alcance a taxa de 3% de déficit público que esixirá Bruxelas a partir de 2026.

Porén, advertiu de que non será fácil baixar dese limiar e reducir a débeda por baixo de 100% do PIB en ausencia de medidas. "Levamos tempo dicindo que nos ía pillar o touro", lamentou a presidenta da Airef, Cristina Herrero, esta cuarta feira.

O Euribor marca o seu récord desde 2008 e achégase ao limiar de 4%

O Euribor a 12 meses, indicador ao que están referenciadas a maioría de hipotecas variábeis na Galiza, situouse esta cuarta feira en 3,944% na súa taxa diaria, o que supón o seu maior nivel desde finais de novembro de 2008.

Tras fechar febreiro cunha media mensual de 3,534%, a evolución do índice durante os primeiros días de marzo levou a taxa mensual provisoria a 3,85%, mentres continúa achegándose cada vez máis ao simbólico limiar de 4%. 

Comentarios