O valor do euro volve marcar un mínimo histórico e cotiza a 0,99 dólares estadounidenses

O Ibex 35 descendeu 2% nas últimas horas.
Bolsa de Madrid. (Foto: Europa Press)
photo_camera Bolsa de Madrid. (Foto: Europa Press)

O valor do euro volveu marcar esta segunda feira un récord negativo ao situarse novamente por debaixo da paridade co dólar estadounidense. Coa apertura dos mercados bolsistas, o valor da moeda da Unión Europea caeu até os 0,99 dólares, o que supón o peor cambio da divisa desde febreiro de 2002.

A perda de valor do euro coincide coa baixada das grandes bolsas europeas, destacando as caídas en Francia, Alemaña e o Estado español, coas empresas que integran o Ibex 35 perdendo 2% nas últimas horas.

De confirmarse esta caída, a bolsa española fechará esta segunda feira en número vermello, sendo o décimo terceiro día dos últimos catorce nos que se dá esta situación.

A decisión deste sábado da compañía estatal rusa de gas Gazprom de cortar de maneira indefinida o subministro de gas ao centro de Europa a través do gasoduto Nord Stream 1 por “dificultades técnicas” provocou unha situación de tensión na economía europea que esta segunda feira viuse reflectida nas bolsas e no euro.

Contracción do PIB e "recesión técnica"

O pasado mes de agosto, cando se deu o anterior mínimo histórico na valoración do euro, o Bundesbank, banco central de Alemaña, advertiu do aumento significativo dos riscos que apuntan a unha contracción do PIB durante a segunda metade do ano, cando as presións inflacionistas poden aumentar até impulsar o IPC arredor de 10% este outono.

"A probabilidade de que o PIB diminúa no semestre de inverno aumentou significativamente", sinalaba a entidade, que espera que a taxa de inflación alcanzará "novos máximos no outono", cando as subas de prezos no país poderían alcanzar "a orde de 10%".

O Banco Central Europeo (BCE) advertiu de signos de desaceleración na zona euro. A representante alemá no directorio do BCE, Isabel Schnabel, recoñecía que os signos que apuntan a unha desaceleración do crecemento da zona euro abren a porta a que a economía da UE entre en "recesión técnica", mentres que probabelmente tardarán algún tempo en disiparse as presións inflacionistas.

Desta maneira, para a reunión do Consello de Goberno do BCE deste mes de setembro, Schnabel mostrouse favorábel que a entidade volva actuar "con decisión", xa que, ao mirar os datos máis recentes, as preocupacións que había en xullo, cando o Banco Central Europeo decidiu acometer unha suba de tipos de 50 puntos básicos, "non se aliviaron".

Comentarios