A UE aproba a prohibición da venda de vehículos de combustión a partir de 2035

Os motores diésel, gasolina e híbridos serán vetados no mercado comunitario.
O chanceler de Alemaña, Olaf Scholz.
photo_camera O chanceler de Alemaña, Olaf Scholz, esta segunda feira nos Países Baixos.

Os Estados da Unión Europea (UE) aprobaron esta segunda feira e o acordo que prohibirá a venda de motores de combustión, entre os que se inclúen os de diésel, de gasolina e os híbridos.

O acordo entrará en vigor a partir de 2035 despois de que Alemaña accedese a levantar o seu veto tras forzar un acordo coa Comisión Europea para aclarar o encaixe que terán a partir desa data os combustíbeis sintéticos.

Os Estados decidiron incluír como punto sen discusión o acordo na orde do día do Consello de ministros e ministras de Enerxía de hoxe, o que, na práctica, supón dar luz verde á nova norma e sometelo ao voto para a súa formalización.

Segundo informaron fontes comunitarias, o acordo conta xa co respaldo de Alemaña, mais terá o rexeitamento de Polonia e Italia, ademais da abstención de Bulgaria. Non obstante, co cambio de Berlín, este grupo de Estados deixa de ter peso suficiente para bloquear a medida.

O acordo materializouse semanas despois de que as reservas de Alemaña se sumasen ás de Italia (que reclamaba unha excepción aos biocombustíbeis) e obrigasen a aprazar a votación. Posteriormente, o pasado sábado, o vicepresidente para o Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans, anunciou un acordo co Estado xermano para o levantamento do seu veto.

As dúbidas de último momento de ambas as delegacións xeraron inquietude nas institucións dado que podían pór en risco a adopción dunha norma que forma parte do paquete climático que a UE quere impulsar esta lexislatura para reducir nun mínimo de 55% as emisións contaminantes no horizonte de 2030 respecto ás de 1990.

Debilitamento das institucións comunitarias

Desde a Comisión Europea defenden que este encaixe dos combustíbeis sintéticos non afectará o acordo fechado en canto á prohibición de comercializar os vehículos de combustión na UE a partir de 2035, mentres que fontes diplomáticas subliñan que a "verdadeira preocupación" agora é evitar que este tipo de manobras "debiliten" o funcionamento das institucións comunitarias.

Comentarios