A Xunta relaxa a súa aposta no vehículo sostíbel

A Xunta ten previsto abrir o vindeiro 21 de febreiro o prazo de solicitude de axudas para cambiar os vehículos máis vellos por outros máis eficientes. Porén, os requisitos que fixa o Executivo galego son moito menos ambiciosos que os que marca a normativa europea.
O novo plan de axudas da Xunta non fai unha aposta decidida no vehículo eléctrico (Europa Press / arquivo).
photo_camera O novo plan de axudas da Xunta non fai unha aposta decidida no vehículo eléctrico (Europa Press / arquivo).

A Xunta quere reducir a contaminación do parque móbil galego, un dos máis envellecidos do Estado español. Para lograr este obxectivo, o Goberno vén de abrir o prazo de adhesión para as entidades colaboradoras de tramitar as solicitudes do Plan de Mobilidade Eficiente. 

O plan, destinado a favorecer a renovación de turismos e furgonetas, estará operativo a partir do vindeiro 21 de febreiro, segundo adiantou a pasada segunda feira o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. Esta é a data fixada para que as persoas que teñan un vehículo con máis de 10 anos de antigüidade, cinco no caso das furgonetas, poidan acollerse ás axudas do mesmo, que oscilan entre os 2.000 e os 2.500 euros, en función das emisións de dióxido de carbono (CO2) do vehículo adquirido.

A partida reservada para a aposta nos vehículos menos contaminantes por parte da Xunta ascende a 700.000 euros, o que servirá para abaratar o prezo de preto de 300 vehículos. O problema é que os requisitos non son especialmente ambiciosos. Poderanse acoller ás axudas as persoas que adquiran un vehículo de menos de 40.000 euros cunhas emisións de menos de 120 gramos de CO2 por quilómetro para vehículos de até 2.500 quilos, e 185 gramos para os que superen ese peso.

O plan galego deixa, pois, a criterio das clientas a aposta en vehículos híbridos ou eléctricos de nulas emisións, moito menos contaminantes que os de combustión tradicional, que entrarían tamén dentro desta liña de axudas. O baremo do prezo, que permite acceder aos vehículos eléctricos, máis caros que os convencionais, tamén abre a posibilidade a que as clientas elixan modelos de maior potencia, co conseguinte impacto medioambiental. Con todo, no caso dos híbridos e eléctricos, as axudas serán maiores que para a maioría dos vehículos propulsados con diésel ou gasolina.

O criterio de Bruxelas

Os criterios do novo plan de axudas da Xunta chocan coa nova normativa europea. Desde o 1 de xaneiro está en vigor un novo regulamento que limita as emisións de dióxido de carbono dos vehículos lixeiros e que obriga aos fabricantes a que a media dos seus automóbiles vendidos non supere os 95 gramos de CO2 por quilómetro percorrido. O incumprimento desta norma pode supoñer a imposicións de sancións millonarias, a razón de 95 euros por cada gramo e vehículo vendido que supere estas cifras. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios