Bruxelas acorda con Alemaña levantar o veto á prohibición de motores de combustión en 2035

O anuncio chegou por parte do vicepresidente da Comisión Europea para o Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans. O acordo agora deberá ser adoptado polos 27.

O chanceler de Alemaña desde 2021, Olaf Scholz, nunha imaxe de arquivo no marco dunha rolda de prensa na sede do Executivo. (Foto: Britta Pedersen / dpa)
photo_camera O chanceler de Alemaña desde 2021, Olaf Scholz, nunha imaxe de arquivo no marco dunha rolda de prensa na sede do Executivo. (Foto: Britta Pedersen / dpa)

O vicepresidente da Comisión Europea para o Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans, anunciou este sábado un acordo con Alemaña para o levantamento do seu veto á prohibición de motores de combustión en 2035.

"Chegamos a un acordo con Alemaña sobre o uso futuro de combustíbéis sintéticos nos automóbiles", anunciou Timmermans na súa conta de Twitter.

Bruxelas propuxo un posíbel encaixe dos combustíbeis sintéticos no marco das negociacións para a prohibición da venda dos vehículos de combustión na Unión Europea (UE) a partir de 2035, unha medida que quedara paralizada por querer incluír o Goberno alemán este tipo de carburantes no acordo.

A prohibición de comecializar vehículos de combustión -incluídos os de gasolina, diésel e híbridos- a partir de 2035, aprazouse sen unha nova data polas dúbidas de última hora realizadas por Italia e Alemaña.

Diferenzas 

As diferenzas destes dous países poderían pór en risco a adopción da nova norma, que forma parte do paquete climático que a UE quere impulsar esta mesma lexislatura para reducir polo menos nun 55% as emisións contaminantes no horizonte de 2030  con respecto ás de 1990.

A medida xa se aprobou no pleno do Parlamento Europeo o pasado 14 de febreiro, mais foi nas negociacións a nivel diplomático onde Alemaña amosou as súas diferenzas sobre o acordo entre institucións que tivo lugar o pasado outono.

“Agora imos traballar para que se adopten os estándares de CO2 para automóbiles canto antes”, engadiu Timmermans, antes de avisar que o marco legal para o encaixe dos combustíbeis sintéticos só se desenvolverá cando o acordo de base sexa liberado e adoptado polos 27.

Comentarios