Os Estados da UE poñen en pausa o veto aos vehículos de combustión

A votación da norma sobre o veto dos vehículos de combustión foi aprazada de forma indefinida.
Olaf Scholz e Ursula von der Leyen (Foto: Larissa Schwedes / DPA).
photo_camera Olaf Scholz e Ursula von der Leyen (Foto: Larissa Schwedes / DPA).

Os Estados da Unión Europea (UE) aprazaron sen data a aprobación formal do acordo para prohibir comercializar novos vehículos de combustión (incluídos os de gasolina, gasóleo e híbridos) a partir de 2035 ao constatar que as dúbidas de último momento expresadas por Alemaña e Italia poderían pór en risco a posta en marcha da nova norma.

A UE alcanzou o pasado outono un acordo para que a partir de 2035 todos os vehículos novos que se comercialicen no mercado comunitario sexan "cero emisións", o que suporía o veto aos automóbiles de combustión.

Con todo, a adopción definitiva da norma, tras recibir o visto e prace dos Estados da UE a nivel de embaixadores (coas únicas reservas de Polonia e Bulgaria) e do pleno do Parlamento Europeo, está aínda pendente do último paso, que se trata da luz verde dos executivos estatais.

A presidencia de quenda da UE, que este semestre ocupa Suecia, prevía incluír o asunto como punto para adopción sen discusión nun Consello de ministros ordinario na próxima segunda feira en Bruxelas, mais a propia presidencia indicou que a decisión "queda posposta a unha reunión posterior", sen apuntar unha nova data posíbel para retomar a cuestión.

O atraso, segundo distintas fontes diplomáticas consultadas, responde ao temor de que a nova norma decaese na votación a nivel de ministerios se as dúbidas expresadas nos últimos días en público polos Gobernos alemán e italiano se traducisen en votos en contra. Os votos en contra de Berlín e Roma, sumados ao xa sabido rexeitamento de Polonia e á abstención de Bulgaria, serían suficientes para tombar a aprobación da norma.

División en Alemaña

A principios de semana, o ministro alemán de Transportes, o liberal Volker Wissing, pediu como condición que a Comisión Europea presente unha proposta que acompañase a nova norma para que os vehículos que funcionen con combustíbeis sintéticos ('e-fuels') poidan seguir comercializándose máis aló de 2035. Esta posición, con todo, choca coa posición dos verdes no Goberno de coalición alemán, como é o caso da ministra de Medio Ambiente, Steffi Lemke, que defende apoiar o veto acordado.

Neste contexto, a presidenta da Comisión, a conservadora alemá Ursula von der Leyen, verase este domingo co chanceler alemán, Olaf Scholz, no marco dun encontro informal co Goberno alemán no Palacio de Meseberg que desde o Executivo comunitario recalcan que estaba previsto "desde hai tempo" e sobre o que non aclaran se se aproveitará para abordar esta crise.

Comentarios