“O trato que estamos a recibir da administración tributaria segue a ser inxusto e denigrante”

A Coordenadora galega de emigrantes retornados e as 20 plataformas comarcais retoman as mobilizacións.

emigrantes retornados
photo_camera Unha mobilización do colectivo de emigrantes retornados

A Coordinadora Galega de Emigrantes Retornados, xunto coas 20 plataformas comarcais deste colectivo, retoman as mobilizacións. Vai ser esta sexta feira, en Compostela, con saída da Praza do Obradoiro ás 12:00 horas ata o Parlamento de Galiza. Reclaman, máis unha vez, a equiparación da presión fiscal, un marco homoxéneo para todas as pensións, ou a modificación do marco actual que evite a retroactividade que establece a disposición adicional primeira da Lei 26/2014 . “Os emigrantes retornadas vimos reclamando insistentemente a necesidade de realizar as modificacións legais necesarias na lei 35/2006 pola que se regula o imposto sobre a renda das persoas físicas coa finalidade de que se establezan normas claras, precisas e sobre todo xustas e igualitarias para a tributación das pensións percibidas no estranxeiro”, indican nun comunicado.

Unha demanda que, indican, non foi atendida. “Malia levarmos case tres anos mobilizándonos, a día de hoxe, o trato que estamos a recibir por parte da administración tributaria segue a ser inxusta e mesmo denigrante”. Embora as sentenzas que lles dan a razón, a lexislación mantense, polo que “temos que seguir preiteando para facer valer os nosos dereitos”.

Afirman que “somos moitos miles as persoas que estamos sendo sometidas a este sofremento por parte da facenda pública española” e lembran que as súas demandas son “máis que coñecidas polo Goberno Galego e tamén polo Goberno Español, ao igual que por todas as forzas políticas.”

Comentarios