Transportistas valoran circular por estradas se soben as peaxes

Aínda sen ser anunciado polo Ministerio de Transportes, o índice de prezos de consumo (IPC) marca que as autoestradas galegas AP-9 e AP-53 sufrirán un incremento nas peaxes dun 9% para 2023. Un dos sectores máis afectados polo incremento, o do transporte de mercadorías por estrada, está a valorar o seu regreso ás vías convencionais para evitar os custos das que son de pago. 
Camión de transporte de mercadorías circulando pola AP-9 (Foto: Arxina).
photo_camera Camión de transporte de mercadorías circulando pola AP-9 (Foto: Arxina).

A rapidez e seguridade das autoestradas sempre estiveron moi ben valoradas polo sector do transporte. O seu uso, ademais, minimizou a súa presenza nas estradas convencionais polo que influíu na redución de accidentes de tráfico. O aumento das peaxes das autoestradas galegas AP-9 e AP-53 como consecuencia do IPC podería mudar esta situación. 

A suba non sentou ben no colectivo do transporte. Malia que aínda non hai confirmación por parte do Ministerio de Transportes, a suba deixaría na AP-9 o traxecto completo en vehículos pesados entre Tui e Ferrol, só ida, en algo máis de 42 euros na categoría 1 (39,4 euros agora) e en 54,52 euros (50,3 euros agora) se é de categoría 2, a dos vehículos de maior tamaño.

Desde Vigo até A Coruña, o seu custo sería duns 32,35 euros (categoría 1) e de 40,97 (categoría 2), cando é hoxe de 29,85 e 37,8 respectivamente. Noutros desprazamentos máis comúns, como o de Vigo-Santiago quedaría nuns 18,48 na categoría 1 (agora 17,05 euros) e en 24,39 euros na categoría 2 (agora 22,5 euros). Mais a isto se lle engadiría o 1% que recibe Audasa pola ampliación da ponte de Rande e a circunvalación de Santiago.

Tamén a viaxe entre Santiago e Ourense volvería na AP-53 dos 10,40 euros actuais para todo o traxecto a 11,27 euros (categoría 1), e de 12,35 euros a 13,38 euros (categoría 2). 

“Agravio” para o sector

Desde a Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer), advirten nun comunicado que esta medida, igual que para o resto das usuarias e dos usuarios, é “un novo agravio”. A que sería a “maior suba do século” chegaría “á  principal vía de vertebración” (en relación á AP-9) nunha “situación económica xeral tan delicada” e que aínda “se espera que empeore nos próximos meses”.

Non entenden, desde esta entidade, que este aumento chegue despois de que Audasa “lograra un dos maiores beneficios da década” e, aínda que falta o visto e prace do Ministerio, consideran que, de ratificarse o incremento, perpetraríase un “atropelo” á Galiza e á súa cidadanía.

Medidas ineficaces

A secretaria xeral da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por estrada da Galiza (Apetamcor), Myriam Otero, cualifica en declaracións a Nós Diario a suba dunha situación “moi mala” ao sumarse ao encarecemento nos últimos meses “dun 30% de todos os produtos relacionados cos vehículos”. 

En relación ás posíbeis medidas que tome o Goberno español, como no caso de descontos en combustíbel  para o sector que se realizaron este ano, Otero lembra que “ao pagar máis, o desconto actual dun 20% é moi pouco”.

Por este motivo defendeu que se lles apoie “para garantir unha maior seguridade nas vías e desconxestionar as estradas convencionais” e advirte que o encarecemento das peaxes “obrigará os camións a volver a estas estradas”.

Polémica sobre quen debe asumir a suba das portaxes

Na xornada desta quinta feira tamén se viviron as reaccións políticas ao posíbel aumento das tarifas das peaxes. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmouse en que o Goberno español "aínda está a tempo de rectificar" e frear unha nova e "brutal" suba. Aínda que lembrou que o Executivo galego xa lle solicitou a conxelación, indicou que, se o Goberno "non ten sensibilidade", volverá facelo "expresamente". Ademais, lembrou que a suba era "unha decisión política".

Desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, solicitou que se aposte por unha AP-9 "cento por cento pública" e cualificou de "estafa redobrada" a actuación de Audasa nesta estrada. "Que Audasa queira aproveitar unha crise de prezos para seguir tendo uns beneficios cada vez máis escandalosos é un auténtico escándalo democrático que ningún Goberno debe permitir", cuestionou Pontón. Tamén desde o BNG, o seu portavoz no Congreso, Néstor Rego, solicitou esta quinta feira a comparecencia da Ministra de Transporte, Raquel Sánchez, para que paralice a posíbel suba.  

Por último, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, avanzou que solicitará "unha reunión urxente" con Audasa, para pedirlle que non suba as peaxes para 2023 e exixiu que Rueda fixera o mesmo.

Comentarios