Logo da decisión da UE

Rego exixirá no Congreso suspender a concesión da AP-9

O BNG avanzou que levará ao Congreso unha serie de iniciativas co obxectivo de "suspender a concesión" da AP-9 a Audasa, despois de que a UE declarara ilegais as súas sucesivas prórrogas até 2048 e decidira emprender accións xurídicas.

As portaxes da AP-9 subiron 0,92% desde o inicio de ano. (Foto: Europa Press)
photo_camera A AP-9 á altura da ponte de Rande. (Foto: Europa Press)

Co obxectivo de que se suspenda a concesión da autoestrada AP-9 e de que pase a estar “libre de portaxes”, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou na sexta feira que levará á Cámara Baixa unha serie de iniciativas, a raíz de que Bruxelas declarara ilegais as sucesivas prórrogas das concesións.

Rego cualificou de “absolutamente escandaloso e coñecido" o determinado pola UE pola forma coas que se outorgaron as prórrogas.

"Houbo actuacións que discriminaron á Galiza”, subliñou, á vez que lembrou como outras infraestruturas da mesma xeración da AP-9 finalizaron as súas concesións e estas "non foron prorrogadas".

No caso da Autoestrada do Atlántico, Rego cargou tanto contra a prórroga de 10 anos aprobada polo Goberno de Felipe González como contra a de 25 anos que acordou José María Aznar.

De non producirse estas operacións, a concesión "acabaría en 2013", recalcou o deputado nacionalista.

Por tanto, agregou, trátase "dun saqueo ilegal a todos os galegos e galegas, que levamos pagado xa oito anos o que non teriamos que pagar”.

A UE considera que é ilegal pola forma das devanditas prórrogas, pero Rego instou ás institucións comunitarias a que "profunden máis".

Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso lembrou que hai unha lei en trámite nesta Cámara co obxectivo de que sexa "de titularidade galega".

Precisamente, as negociacións entre Rego e o PSOE en relación á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español, deron como froito importantes descontos na AP-9.

Comentarios