O Supremo 'tomba' a pretensión de Audasa de ser compensada pola redución de beneficio durante a pandemia

Na resolución, o alto tribunal advirte de que Audasa "confunde o interese público co interese da súa empresa e os seus empregados".
A AP-9, que transita de Ferrol a Tui (O Baixo Miño), ao seu paso por Vigo (Foto: Europa Press).
photo_camera A AP-9, que transita de Ferrol a Tui (O Baixo Miño), ao seu paso por Vigo (Foto: Europa Press).

O Tribunal Supremo desestimou o recurso contencioso administrativo interposto por Audasa contra o acordo de Consello de Ministros e Ministras do Estado español que rexeitaba a súa petición de compensación pola redución de beneficio durante a pandemia da Covid (no estado de alarma, entre marzo e xuño de 2022, e entre xullo de 2020 e maio de 2021), de maneira que 'tomba' a pretensión da concesionaria da autoestrada AP-9 de ser indemnizada.

Segundo se recolle na sentenza, adiantada esta terza feira por Praza, a empresa reclamou 46,1 millóns de euros, aínda que rebaixou a cantidade de maneira subsidiaria no seu recurso até os 28,5 millóns, no caso de que non se aceptasen diversas cantidades superiores.

A concesionaria da Autoestrada do Atlántico expuxo ante o Supremo varios argumentos para reclamar a compensación, entre eles a inconstitucionalidade de varias medidas e normas adoptadas polo Goberno español e unha presunta discriminación ou a suposta perda de dereitos consolidados.

Así mesmo, argumentaba que a normativa que regulou as compensacións por perdas durante a pandemia facía unha interpretación moi restritiva sobre as condicións que debían cumprirse para acceder ao reequilibrio económico das concesións, entre outras cuestións.

O alto tribunal, apelando a diversa xurisprudencia, rexeitou na súa sentenza (do pasado 15 de marzo) que as normas aplicadas incorresen en inconstitucionalidade, e tamén sinalou que a concesión de Audasa non pode acollerse aos mecanismos de reequilibrio invocados pola recorrente, xa que nin o prego nin a lei de autoestradas recoñecen esta posibilidade "dun modo xeral".

En todo caso, tras apuntar que os prexuízos sufridos son atribuíbeis ao lexislador e non á Administración do Estado, o Supremo tamén sinala que "non é posíbel considerar que a momentánea perda de ingresos durante un breve período" vaia alterar substancialmente a economía da concesión ou impedir a continuidade da mesma.

A concesionaria non pode "gañar sempre o que quere"

Respecto diso, lembrou que as medidas adoptadas para paliar as consecuencias da pandemia ían encamiñadas, no caso das concesións como as de autoestradas, a garantir a continuidade dos contratos (por iso se condicionaron as compensacións a que as empresas tivesen marxe de explotación negativo). "O fundamento dese reequilibrio non consiste en que o concesionario gañe sempre o que el quere", explicou na súa sentenza.

Por outra parte, o Supremo apuntou que a pandemia e a crise económica afectaron a toda a poboación e á actividade económica, sen que as perdas fosen reparadas para o resto de contratos. De feito, na súa resolución advirte de que Audasa "confunde o interese público co interese da súa empresa e os seus empregados".

Con respecto á explotación da concesión, subliña que "non se pode confundir a imposibilidade coa dificultade de executar o contrato", especialmente tendo en conta que "a duración da concesión prolóngase durante anos" e os problemas aos que alude a recorrente foron "nuns poucos meses".

Así, o tribunal conclúe que "o reequilibrio ha de ser valorado no conxunto da prestación" da concesión, e lembra que a eventual redución de ganancias (que non sempre se traduce en redución de beneficios) entraría dentro do risco que asume a concesionaria.

Beneficios récord

En 2020, a concesionaria da autoestrada AP-9 experimentou unha redución nos seus beneficios, que caeron a 33,7 millóns de euros, tras unha baixada de 28% no tráfico. Con todo, a empresa recuperou o pulso ao ano seguinte, cun beneficio de 50,7 millóns de euros, mesmo por encima dos 42,3 millóns obtidos en 2019. No exercicio 2022, os beneficios eleváronse até os 66,1 millóns de euros e, no de 2023, alcanzou a súa cifra récord, con 82,6 millóns de euros de beneficio.

Comentarios