O Euríbor volveu subir e xa supera a barreira de 1,6%

O BCE anuncia subas graduais dos tipos de xuro durante os próximos meses.
O irlandés Philip Richard Lane é o economista xefe do BCE (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).
photo_camera O irlandés Philip Richard Lane é o economista xefe do BCE (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).

O Euríbor situouse esta segunda feira en 1,612% na súa taxa diaria, o seu maior nivel desde febreiro de 2012. Trátase dun novo salto desde a cifra de 1,482% que rexistrou a finais da semana pasada que eleva a media mensual provisional do Euríbor para agosto a 1,236%, moi por encima da taxa de 0,992% de xullo.

De confirmarse, a falta de coñecer os valores que marcará a terza e a cuarta feira, trataríase do dato mensual máis elevado desde maio de 2012, cando se colocou en 1,266%.

Esta alza do índice suporá un aumento significativo para aqueles que lles toque a revisión da súa cota. Por exemplo, para unha hipoteca variábel de 150.000 euros a 30 anos e cun diferencial do Euríbor máis 1%, a cota mensual a pagar pasará de 458,12 euros a 572,3 euros, o que supón un encarecemento mensual de 114,18 euros ou, o que é o mesmo, de 1.370 euros máis ao ano.

O índice de referencia para a maioría de préstamos hipotecarios a tipo variábel no Estado español acentuou a súa escalada despois de que a finais da semana pasada saltasen rumores acerca de que algúns membros do Banco Central Europeo (BCE) estarían a favor dunha suba de tipos de 75 puntos básicos na reunión de setembro, por encima dos 50 puntos básicos que esperaba o mercado.

Nova etapa na política monetaria do BCE

O economista xefe do BCE, o irlandés Philip Lane, anunciou que a próxima reunión de setembro do Consello de Goberno da institución "será o comezo dunha nova etapa" na normalización da política monetaria da zona euro.

O banco central, afirmou Lane, aplicará un enfoque "reunión por reunión" na fixación dos tipos de xuro e defendeu que unha aproximación máis gradual ao axuste da taxa reduce os riscos para a estabilidade e permite introducir correccións se é necesario.

O economista xefe do BCE  defendeu que é menos probábel que a mesma suba de tipos acumulada durante un intervalo fixo xere máis efectos adversos para a estabilidade de prezos se se implementa na forma "dunha serie calibrada de varios pasos en lugar dun número menor de maiores incrementos de taxas". 

Lane avisa deste modo dun aumento progresivo dos tipos de xuro marcados polo BCE durante os próximos meses.

Comentarios