A inflación na UE marca o récord de toda a súa historia chegando a 9,8%

A suba de prezos na Galiza, de 11,5%, é superior á da Unión Europea.
Os alimentos frescos, como as patacas, experimentaron en xullo unha suba do seu prezo de 11,1% na zona euro (Foto: Jose R Pizarro).
photo_camera Os alimentos frescos, como as patacas, experimentaron en xullo unha suba do seu prezo de 11,1% na zona euro (Foto: Jose R Pizarro).

A taxa de inflación interanual da zona euro situouse en xullo en 8,9%, tres décimas por riba da cifra rexistrada en xuño, no que supón o maior encarecemento dos prezos na área do euro de toda a serie histórica e máis de catro veces a meta de estabilidade de prezos de 2% do Banco Central Europeo (BCE), segundo confirmou esta quinta feira a oficina Eurostat.

No conxunto da Unión Europea (UE), a taxa de inflación interanual de xullo tamén alcanzou un novo máximo histórico, de 9,8%, dúas décimas por encima da lectura de xuño. En xullo de 2021, a suba dos prezos entre os 27 Estados da UE foi de 2,5% interanual.

Deste modo, a presión inflacionista na eurozona e a UE situouse por baixo da rexistrada no Reino Unido, onde os prezos subiron 10,1% en xullo, tras a alza de 9,4% de xuño, mais superou a dos Estados Unidos de América (EUA), onde a inflación se moderou a 8,5%, seis décimas por baixo da cifra de 9,1% observada en xuño.

No caso do Estado español, a taxa de inflación harmonizada situouse en xullo en 10,7%, fronte á cifra de 10% de xuño, ampliando o diferencial de prezos desfavorábel respecto da media da zona euro a 1,8 puntos porcentuais.

Unha diferenza aínda maior no caso da Galiza, que, cunha inflación de 11,5% no mes de xullo, supera a cifra récord da zona euro e da UE, ao tempo que sitúa tamén por riba da inflación media no conxunto do Estado español, nos EUA ou no Reino Unido.

A escalada dos prezos da zona euro intensificouse no sétimo mes de 2022, a pesar de que a suba interanual do prezo da enerxía desacelerouse a 39,6% desde a cifra de 42% de xuño, mentres que o incremento do prezo dos alimentos frescos en xullo foi de 11,1%, cando en xuño fora de 11,2%.

Con todo, os servizos encarecéronse 3,7% interanual en xullo, tres décimas máis que o mes anterior, mentres que os prezos dos bens industriais non enerxéticos subiron 4,5%, fronte a 4,3% no mes anterior.

Ao excluír do cálculo o impacto da enerxía, a taxa de inflación interanual da zona euro situouse en xullo en 5,4%, fronte a 4,9% do mes anterior, mentres que ao deixar fóra tamén o efecto dos prezos dos alimentos frescos, o alcol e o tabaco, a taxa de inflación subxacente situouse nunha marca de 4%, tres décimas máis que en xuño.

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) decidiu na súa última reunión, en xullo, subir os tipos de xuro en 50 puntos básicos, na súa primeira suba do prezo do diñeiro desde 2011, ademais de advertir de que acometerá máis subas no sucesivo.

Inflación nos Estados da UE

Os niveis máis altos de inflación observáronse en Estonia (23,2%), Letonia (21,3%) e Lituania (20,9%), mentres que as subas menos intensas dos prezos rexistráronse en Francia, Malta (ambos os 6,8%) e Finlandia (8%). 

Outros sete dos Estados que forman parte da zona euro rexistraron subas de prezos de dobre díxito, incluíndo Eslovaquia (12,8%), Eslovenia (11,7%), Países Baixos (11,6%), Grecia (11,3%), o Estado español (10,7%), Chipre (10,6%), e Bélxica (10,4%). 

Entre o resto de Estados da UE que non forman parte da zona euro, as maiores subas de prezos en xullo corresponderon a Chequia (17,3%), Bulgaria (14,9%), Hungría (14,7%), Polonia (14,2%), Romanía (13%) e Croacia (12,7%).

A inflación portuguesa fica por baixo da suba no conxunto da UE

En Portugal, a inflación harmonizada situouse en 9,4% en xullo, ficando así por enriba do valor rexistrado a nivel da zona euro, mais abaixo da experimentada no conxunto da UE.

Así, Portugal, a pesar de formar parte da mesma illa enerxética que a Galiza e o conxunto do Estado español, ten unha inflación máis controlada, de 9,4%, máis de dous puntos porcentuais por de debaixo da galega e máis de un con respecto á do Estado español.

Comentarios