A solar flotante pide paso na Galiza á calor dos encoros e os lagos das minas

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de sacar a consulta pública o decreto que regula a instalación de plantas fotovoltaicas flotantes no dominio público hidráulico, unha tecnoloxía complementaria ás centrais hidroeléctricas, que se beneficiarán no seu rendemento polo arrefriado da auga e a menor presenza de po, segundo o Ministerio.
Augas de Galiza ten a última palabra sobre a instalación de paneis fotovoltaicos flotantes. (Foto: Sanguer)
photo_camera Augas de Galiza ten a última palabra sobre a instalación de paneis fotovoltaicos flotantes. (Foto: Sanguer)

Na Galiza, un territorio no que os aproveitamentos hidroeléctricos inzan os seus ríos, pode que non tardemos en ver estas estruturas flotantes de xeración eléctrica. De feito, o Concello das Pontes conta desde hai máis dun ano cun informe que analiza as capacidades de produción cubrindo parcialmente o lago das Pontes.

Ese documento recolle que, con só 5% da enerxía que produza un parque solar flotante que cubra 30% da lámina de auga sobre a antiga mina, poderíanse cubrir as demandas enerxéticas de todo o concello. Esa instalación contaría cunha potencia instalada de 575 megawatts (MW), requiriría un investimento de 402 millóns de euros e tería un retorno a 20 anos.

Porén, a idea do Ministerio é limitar o número máximo de plantas por encoro a tres, mentres que o grao de cobertura da superficie sería en función do seu estado trófico (canto peor sexa a calidade das súas augas, maior poderá ser a súa cobertura), até un límite de 20%.

Quedan vedadas a estas instalacións os encoros oligrotróficos ─con pouca produtividade biolóxica e, polo tanto, boa calidade da auga─ e os lagos ou lagoas de orixe natural. Os das Pontes e Meirama quedaría, pois, fóra desta excepción por tratarse de lagos artificiais, aínda que é o organismo competente, Augas da Galiza, o que terá a última palabra sobre a súa instalación.

A que non se pronunciou ao respecto é Endesa, firma que vén de facerse na poxa de renovábeis de Portugal dun dereito de conexión de solar flotante no encoro de Alto do Rabagão e que deixará aberto o camiño á exploración de novas fontes de enerxía que queiran aproveitar a súa capacidade de evacuación das Pontes unha vez se produza o feche da central térmica, cuxa autorización esperan que chegue nesta primeira metade do ano.

Escala racional

Para Adrián Dios, profesor da Facultade de Económicas da USC, a solar flotante "pode ser interesante como tecnoloxía, pero aínda ten un desenvolvemento bastante pequeno".

Como recoñece a Nós Diario, a aposta nesta enerxía "non vai resolver nada en termos estruturais", e máis tendo en conta a realidade do territorio galego, menos produtivo en materia de xeración solar que outras zonas do Estado español.

Con todo, sinala que nas Pontes "podería ser viábel", aínda que capacidade de produción non ten nada que ver coa da térmica, apunta. "Todo o que sexa atopar usos produtivos e limpos, a priori non o vexo mal. Outra cousa é que sexamos capaces de racionalizalo, que se faga a unha escala racional e que non teña impactos negativos no medio, no territorio e nos seus habitantes", incidiu.

Afección ao medio

Nesta liña, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Belén Rodríguez sinala a necesidade de avaliar os efectos que as infraestruturas poidan ter nas masas de auga. "Todo depende da envergadura e de onde se coloquen. Non é o mesmo un humidal que unha balsa mineira de augas ácidas", matiza.

Rodríguez tamén apela a revisar o modelo, pois lembra que na Galiza "somos excedentarios" de enerxía eléctrica e que os ecosistemas fluviais "xa os temos sobreexplotados con centrais hidroeléctricas".

"Calquera proposta neste sentido é arriscada porque o problema de base é que se está a promover un modelo hiperprodutivo que non contempla as medidas necesarias para a preservación da biodiversidade", destacan por parte da directiva de Adega.

O Ministerio, pola súa parte, argumenta que este tipo de plantas serán beneficiosas para o medio ambiente pola redución da evaporación das masas de auga e unha menor presenza de floracións de algas en auga doce grazas á sombra que proporcionarán as placas sobre a superficie líquida. Tamén evitarán a modificación dos terreos que se produce nas instalacións en terra firme, din.

Comentarios