Os sindicatos estatais dan o visto bo en Madrid á venda das centrais de Ferroatlántica

O comité de empresa de Cee-Dumbría exixe unha xuntanza urxente co presidente da Xunta e reitera que a venda das hidroeléctricas é “ilegal”. Lembran que o 75% dos delegados sindicais en Galiza son contrarios a ese acordo.

ferroatlantica
Fotografía de Xurxo M. Rodríguez Baña
photo_camera Imaxe: Xurxo M. Rodríguez Baña

UGT, CCOO, USO e Sindicato Unitario deron o visto bo esta fin de semana en Madrid ao plan industrial presentado por Ferroglobe, un plan que implica a desagregación e venda das centrais hidroeléctricas que o grupo posúe na Costa da Morte, paso contra o que veciñanza e traballadores da comarca levan mobilizándose meses.

Nesa xuntanza na que se deu o visto bo só acudiron 5 dos 11 representantes galegos dos traballadores, pois non foron os do Comité de Ce-Dumbría nin CIG. A decisión adoptada polos sindicatos estatais en Madrid caeu como unha xerra de auga fría entre os traballadores da factoría e centrais da Costa da Morte, ao teor das declaracións do Comité de Empresa.

Para o seu presidente, Alfonso Mouzo, a venda das hidroeléctricas é “ilegal”, non se pode facer, sinala en declaracións recollidas por Europa Press. Mouzo chama a ter unha xuntenza urxente co presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e o conselleiro de Industria, Francisco Conde.

Para o Comité de empresa, ademais, non pode ser que “compañeiros de Santander e Huesca”tomen unha decisión sobre activos que están en Galiza e afectan o emprego dos traballadores galegos. Como, resume, “se che quixeran vender a casa xente de fóra”. E lembra que dos 27 delegados sindicais do grupo en Galiza, 20 opóñense a ese plan do grupo. 

A Xunta, decisiva

Obtido o visto bo dos sindicatos estatais, agora o seguinte paso do grupo vai ser dirixirse á Xunta para que autorice a desagregación, o que posibilitaría a venda dos activos enerxéticos, as hidroeléctricas. 

Fotografías: Xurxo M. Rodríguez Baña

Comentarios