O Sindicato Labrego di que a PAC é catastrófica para Galiza

Reclaman un modelo máis centrado nos verdadeiros labregos e labregas e non ao servizo do conglomerado agroindustrial.
Isabel Vilalba, no centro, pide a Xunta e Ministerio que reaccionen (Foto: SLG).
photo_camera Isabel Vilalba, no centro, pide a Xunta e Ministerio que reaccionen (Foto: Nós Diario).

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, acompañada pola responsábel de Política Agraria Común, Ana Rodríguez, e Adolfo Cabarcos, membro da Executiva Nacional e da Dirección da carne do SLG, denunciaron en rolda de prensa que as propostas para a nova PAC presentadas esta semana polo Ministerio de Agricultura supoñen "un absoluto desastre para Galiza".

Segundo destaca o sindicato nun comunicado, as liñas presentadas polo Ministerio "afondan nas inxustizas xa presentes na PAC actual, ao tempo que incorpora máis esixencias, burocracia e custos".

Ademais, critica que proxectan unha política agraria común "claramente discriminatoria, permitindo topes que facilitan que grandes perceptores sigan cobrando cantidades millonarias, ao tempo que abandona á xente moza non garantindo importes mínimos".

"Estamos diante dunha proposta de PAC que vai directamente contra a agricultura ecolóxica e os modelos máis sostibles e diversificados a escala familiar, como o que é maioritario na Galiza”, salientou Vilalba, que se pregunta "onde estivo a Consellaría [de Medio Rural] nesta negociación".

Neste senso, Vilalba lamentou que Galiza " nin tan sequera foi quen de conseguir que se recoñezan zonas de regadío", co conseguinte impacto económico para o país.

E non só iso, a responsábel de política agraria, Ana Rodríguez tamén indicou que, "na práctica, unha granxa que teña 20 hectáreas de pasto na Galiza cobrará 3.381,30 euros de axuda básica e redistributiva, mentres que a mesma granxa na mellor rexión de pastos da cornixa cantábrica cobraría 5.183,86 euros".

E nun sector tan básico para o noso país como é o leiteiro, abondou a responsábel da PAC no SLG, "para as gandeiras e gandeiros nin prezo nin subvencións: padecemos o prezo máis baixo polo leite de todo o Estado e a negociación da PAC máis penosa" abundou.

Ante esta situación, o SLG insta o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural a defender "os intereses e necesidades das verdadeiras labregas e labregos, que son quen fornecen de alimentos á poboación e garanten un medio rural vivo" e non seguir poñendo a política agraria común "ao servizo do conglomerado agroindustrial".

Comentarios