O SLG analiza a PAC e critica a entrada de fitosanitarios prohibidos

As pequenas explotacións agrarias defenden mellor os valores medioambientais

Especialistas de varias nacionalidades participan os días 2 e 3 de xullo en Compostela para analizar o acordo da nova Política Agraria Común aprovada hai uns días pola UE.  
Asistentes ao seminario organizado en Compostela polo Sindicato Labrego Galego (SLG).
photo_camera Asistentes ao seminario organizado en Compostela os días 2 e 3 de xullo polo Sindicato Labrego Galego (Foto: SLG)

A Política Agraria Común (PAC) que rexerá a agricultura e a gandería dos países da UE até 2027, está a ser analizada en Compostela nun seminario internacional organizado polo Sindicato Labrego Galego (SLG) que, co título 'Máis labregas = Mellores alimentos. Como a PAC deseña as nosas producións, paisaxes e alimentos', busca deitar luz sobre os aspectos máis importantes que foron aprobados a semana pasada e referendados esta mesma segunda feira polos Estados membros. 

A importancia deste acordo, para Celsa Peiteado, da entidade medioambiental WWF e unha das participantes nos seminario, "vén marcada por condicionar as decisións que tomen as persoas que traballan na agricultura ou co gando e tamén dos alimentos que nos cheguen así como o futuro mesmo da biodiversidade". Ao seu entender o acordo final "nin é verde nin xusto como se prometera" e só poderá ter arranxo, explica a Nós Diario, "a través do que se decida finalmente entre o Ministerio de Agricultura e as diferentes consellarías", no caso galego coa que dirixe José González.

A aposta maioritaria expresada neste seminario e que defende Peiteado é a de que  a maior parte dos fondos vaian "a modelos de explotacións familiares de alto valor social e ambiental, ou sexa a gandería extensiva que é característica da Galiza". Critica que agora mesmo a PAC apoie máis á agricultura de regadío e faga que "un gandeiro galego cobre entre 60 e 90 euros por hectárea fronte a un produtor de cultivos de regadío que pode chegar a gañar 1.400 euros por hectárea", unha situación que considera "prexudicial para Galiza". Por este motivo solicita "un redeseño" das axudas, sobre todo das básicas á renda que contan co importe maior.    

O novo modelo de pago por resultado    

Por primeira vez a PAC deixa aos diferentes Estados membros que decidan a estratexia a seguir para cumprir coas directrices europeas, entre as que figuran unha renda digna nas persoas que traballan no campo ou aumentar a agricultura ecolóxica nun 25%. "O problema agora virá se o Estado español quere manter a situación actual cos lobbies da gandería e da agricultura industrial ou non" ademais de que "haberá unha loita entre as comunidades autónomas que non permitirán que se perdan estes fondos".   

Entrada de produtos fitosanitarios

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, admite a súa preocupación unha vez analizado polo miúdo o resultado dos acordos tomados no Consello, por algunhas das súas decisións.  Unha das que considerou máis sorprendente e "un verdadeiro escándalo" foi a do "bloqueo ao impedimento de importacións de alimentos que estivesen producidos con elementos fitosanitarios prohibidos na  propia UE".

Considera, en declaracións a Nós Diario, que hai un marco de lexislación aprobada "que os retirou no seu momento na gandería e na agricultura pola súa perigosidade" e este tipo de decisións poñen en evidencia "a gran capacidade de incidencia que teñen os poderes económicos aínda poñéndose por riba da seguridade alimentaria". 

Unha PAC "inxusta" sen topes máximos nas axudas a cobrar

A Federación Rural Galega (Fruga) denunciaba esta mesma semana que na PAC aprobada pola UE  continuábase sen marcar uns "topes máximos de axudas europeas que se poden cobrar”. Esta organización agraria galega sinalaba como como exemplo e poñen como exemplo que a propia Xunta recoñecía que na Galiza só lles constaba que había 14 explotacións das 23.000 existentes que cobraban máis de 60.000 euros.

Comentarios