Vivenda

A sinatura de hipotecas sobre vivendas cae 24,8% en agosto na Galiza, dous puntos máis que a media estatal

En agosto canceláronse 1.964 hipotecas na Galiza, das cales 1.430 eran sobre vivendas. Ademais, contabilizáronse 401 cambios rexistrais.
Vivendas da Promotora Paseo Marítimo no Porriño (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vivendas da Promotora Paseo Marítimo no Porriño (Foto: Nós Diario).

O número de hipotecas constituídas sobre vivendas na Galiza caeu 24,8% en agosto, até situarse nos 993 préstamos, segundo datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este descenso supón unha baixada superior á media estatal, xa que no total do Estado esta cifra diminuíu 22,7% no oitavo mes do ano, con 28.344 hipotecas.

O capital total prestado no país superou os 117 millóns de euros, 17,7% menos que un ano antes. En comparación con xullo, a firma de hipotecas subiu 9,7% e o capital aumentou 7,5%.

Na Galiza asináronse 1.408 hipotecas sobre o total de leiras, con 166,6 millóns de euros. Destas, 41 eran leiras rústicas e 1.367, urbanas. Das urbanas, 993 eran vivendas; seis, solares, e 368, outras leiras urbanas.

Os bancos posiciónanse como os principais prestamistas, con 96,7% das hipotecas sobre leiras urbanas e 85,3% dos préstamos sobre leiras rústicas.

Así mesmo, o INE recolle que en agosto se cancelaron 1.964 hipotecas na Galiza, das cales 1.430 eran sobre vivendas. Ademais, contabilizáronse 401 cambios rexistrais.

Datos estatais

A nivel español, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 22,7% o pasado mes de agosto respecto ao mesmo mes de 2022, até sumar 28.344 préstamos, cun tipo de interese medio que seguiu á alza, alcanzando 3,25%, a súa cifra máis alta desde xullo de 2016, sempre segundo datos do INE.

Co descenso interanual de agosto, a sinatura de hipotecas sobre vivendas encadea sete meses de taxas negativas, aínda que a de agosto foi máis pronunciada que a rexistrada en xullo (-18,8%).

O total de préstamos sobre vivendas contabilizado en agosto (28.344) é a segunda cifra máis baixa desde xaneiro de 2021, só superada pola de abril deste ano, cando se constituíron algo máis de 27.000 hipotecas.

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 4,6% interanual no oitavo mes do ano, até os 138.171 euros, mentres que o capital prestado diminuíu 26,2%, até rozar os 3.916,3 millóns de euros.

Tras a política de subidas de tipos de xuro levada a cabo polo Banco Central Europeo (BCE) para tentar conter a inflación e a evolución do Euribor, o tipo de interese medio para o total de préstamos hipotecarios situouse en 3,62% en agosto, a súa cifra máis elevada desde outubro de 2014, cun prazo medio de 23 anos.

No caso das vivendas, o interese medio foi de 3,25%, o seu valor máis alto desde xullo de 2016, cun prazo medio de 24 anos. Respecto a un ano antes, o tipo de interese medio para os préstamos sobre vivenda aumentou en 1,3 puntos. É o quinto mes consecutivo no que o tipo de interese supera 3%.

42,1% das hipotecas sobre vivendas constituíronse o pasado mes de agosto a tipo variábel, mentres que 57,9% asináronse a tipo fixo. O tipo de interese medio ao comezo foi de 2,89% para as hipotecas sobre vivendas a tipo variábel e de 3,54% no caso das de tipo fixo.

Comentarios