Seguimento masivo na Galiza da folga do persoal de BBVA contra o ERE

Centos de traballadores manifestáronse pola retirada dos despedimentos e condicións dignas

 

BBVa folga

As traballadoras e traballadores do BBVA secundaron esta cuarta feira unha nova xornada de folga para esixir da entidade financeira que retire os despedimentos e cese “no seu intento de precarizar as condicións laborais”.

O paro está rexistrando un seguimento practicamente do 100% en toda Galiza, segundo a CIG, unha cifra que CCOO situa en máis do 70%, polo que a maioría das oficinas do BBVA están hoxe sen actividade.

Ademais, centos de traballadores e traballadoras desprazáronse até A Coruña para participar na manifestación convocada polas organizacións sindicais en rexeitamento ao ERE e ao peche de oficinas.

O paro está rexistrando un seguimento practicamente do 100% en toda Galiza

As centrais salientan que a poucos días de que remate o período de consultas, o persoal do BBVA deu unha nova mostra da súa capacidade de loita, que se vén sumar ás mobilizacións e aos paros laborais realizados previamente e á xornada de folga de 24 horas desenvolvida a pasada semana.

Unha resposta que, valorou Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG, sindicato maioritario no BBVA en Galiza, "o banco non pode ignorar. A dirección ten que escoitar o clamor unánime dos  traballadores pedindo a retirada deste ERE".

Denuncia que BBVA pretenda que a maioría dos despedimentos sexan de persoas menores de 50 anos, aínda que con carácter xeral, e especialmente no caso galego, "sería posíbel afrontar toda as saídas con prexubilacións".

Comentarios