Roberto Rivas: "Volveremos ficar fóra da liña de axudas da PAC"

A Asemblea Xeral da Asociación Galega de Viticultura (AGV) escolleu este ano a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, en Ribadavia, para reunirse e tratar sobre o presente e o futuro deste sector. Nós Diario fala co seu presidente, Roberto Rivas, para afondar nos debates actuais que lles preocupan.
Roberto Rivas, presidente da AGV (Nós Diario)
photo_camera Roberto Rivas, presidente da AGV (Foto: Nós Diario)

-Como está o sector vitivinícola  galego agora, despois de pasar máis de un ano de pandemia?

Facendo un repaso por todas as Denominacións de Orixe (DO), sendo un ano complicado, parece que veremos a luz pronto. Sorprendeunos que as adegas galegas fixeran fronte diante da situación de crise con soltura e semella que chegaremos á vendima nuns niveis normais de viño almacenado. As grandes remataron vendendo fóra da hostalaría, en supermercados e a nivel internacional. Esa demanda obrigounas a asinar contratos de moito volume e longa duración e por esta razón tiveron que mercar viño ás pequenas para sacar o produto ao mercado. 

De todas as DO, a que tivo máis problemas foi a da Ribeira Sacra co pedrazo que sufriu hai pouco, e o resto, máis ou menos, van parellas. Valdeorras, por exemplo, leva anos traballando moi ben os godellos mais con algún problema na venda dos tintos. 

-Afectáronlle temas como os aranceis que aplicou os Estados Unidos de América ou o Brexit?

Parece que o tema dos aranceis rematou dunha maneira positiva e non se aplicarán, polo que axudará a exportar. Dependerá das adegas. Se vendías en supermercados estás nun bo momento e se era para hostalaría é máis complicado. En relación ao Brexit, por agora non temos datos concretos de como afectará ao sector. En todo caso tampouco se aproveitou para abrir mercados novos coa pandemia, tentamos manter os que temos.   

-Que pasos deberían realizarse para saír desta crise?

Hai dous meses presentamos na Xunta as 24 medidas que cremos que deberían ser urxentes e que entrarían dentro dos fondos europeos Next Generation. Algunhas teñen que vir das e dos viticultores ou das adegas e outras que tería que acometer a Administración galega. Hai que afondar na recuperación de variedades, por ser o que nos puxo no mundo. Por exemplo o ratiño ou a tinta serodia de Negueira de Muñiz, que agora está de moda. Temos que poñelas en valor para non seguir apostando unicamente polas variedades albariño, treixadura ou godello. Tamén camiñar cara a unha viticultura máis respectuosa co medio.

A Xunta debería facilitar estacións de avisos en todo o país, unha ferramenta moi boa para controlar a sanidade, e tamén recuperar a formación dos centros da Consellaría de Medio Rural como son os de Monforte, Abegondo e Cambados. Alén diso, sería importante recuperar oficios tradicionais como é o caso da cantaría para facer as muras ou a carpintaría para volver aos toneis de castiñeiro galego e deixar os de Francia ou América. 

-Cara a onde debería ir a viticultura galega?

Eu penso que cara á sustentabilidade. Temos que comezar a ter ferramentas que nos permitan depender menos dos agroquímicos. Para un viticultor asumir isto cando perdes unha colleita é complicado e non vale o sistema de proba-erro, pois podería supor o traballo dun ano. Fíxose hai anos para explicar como controlar a couza da vide a través de feromonas e non de insecticidas. Daquela había unhas asociacións que facilitaban un técnico para cada grupo de viticultores para axudalos a tomar este tipo de decisións. Iso desapareceu e cremos que é importante recuperar esa figura. 

-A nova Política Agraria Común (PAC) terá beneficios para a viticultura galega?

Na liña de axudas quedaremos fóra outra vez. Non é positiva para a Galiza porque aquí non temos explotacións dimensionadas como para poder acollernos a elas. Algúns aspectos danme moito medo, como é poder elaborar refrescos vínicos amparados ou desalcolizados. Ademais téndese, sobre todo desde os países nórdicos, a producir viños con cepas híbridas, algo do que na Galiza sempre fuximos. Veremos como remata este tema.  

Comentarios