Galiza segue á cola en mobilidade eléctrica

A falla de puntos de recarga públicos condiciona a expansión do vehículo eléctrico.
Recarga dun vehículo eléctrico. [Imaxe: arquivo]
photo_camera Recarga dun vehículo eléctrico. [Imaxe: arquivo]

Galiza ten un enorme potencial de crecemento no mercado dos vehículos eléctricos, que contan xa cunha autonomía máis que suficiente para cubrir as necesidades de mobilidade da maior parte da poboación. 

Porén, segundo o último barómetro de electromobilidade da patronal Anfac, o país segue á cola no despregamento de infraestruturas de recarga de uso público, aínda que mellorou os datos respecto do trimestre anterior, no que ocupaba o último posto. 

Agora esa posición corresponde Andalucía con 4,5 puntos no índice de penetración de Anfac. Galiza acadou os 4,6 no terceiro trimestre do ano, oito décimas máis que as 3,8 do trimestre anterior. Este crecemento é incluso maior ao da media estatal, que pasou de 8,3 puntos a 8,8 no mesmo período. 

Galiza está aínda lonxe desas cifras, como tamén o está o Estado español da media europea, que se sitúa en 20,6 puntos (no segundo trimestre era de 18,8). 

En canto ás infraestruturas públicas de recarga rápida, o índice tampouco deixa Galiza en moi bo lugar. Con 2,7 puntos (oito décimas máis que o trimestre anterior), ocupa a penúltima posición, só superada por Canarias, coa mesma puntuación. 

Rede de recarga

En total, segundo o documento presentado onte por Anfac, na Galiza había ao feche do terceiro trimestre do ano un total de 399 puntos públicos de recarga de vehículos eléctricos. 

Porén, a potencia dos mesmos condiciona a velocidade de carga. Así, a gran maioría dos existentes (354) correspóndense na Galiza cos de menos de 2,5 quilowatts (kW), que teñen uns tempos mínimos de recarga de 3 horas.

No país hai outros 16 de até 50 kW, con tempos que van das 3 horas a 1 hora e 20 minutos, e 25 máis de até 150 kW, con períodos de recarga que oscilan entre os 40 e os 27 minutos. Só hai 4 cargadores de alta potencia ─coñecidos como supercargadores─ en toda Galiza. Teñen como mínimo 250 kW e permiten encher as baterías do vehículo en menos dun cuarto de hora.

Estes catro supercargadores están en áreas urbanas do país, onde había instalados ao remate do terceiro trimestre do ano un total de 140 puntos de recarga. Os 259 restantes correspóndese con áreas interurbanas.

Comentarios