O prezo da luz baixa perto de 10% este sábado

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado almacenista (o denominado 'pool') sitúase este sábado en 41,42 euros/MWh.
Factura da luz. (Foto: Nando Vidal)
photo_camera Factura da luz. (Foto: Nando Vidal)

O prezo medio da luz para a clientela de tarifa regulada vinculada ao mercado almacenista baixa este sábado até os 40,08 euros por megawatt hora (MWh), o que supón 10,66% menos en comparación cos 44,86 euros/MWh desta sexta feira.

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado almacenista (o denominado 'pool') sitúase este sábado en 41,42 euros/MWh.

O prezo mínimo, de 15 euros/MWh, darase entre as 15.00 e as 16.00 horas, mentres que o prezo máximo rexistrarase entre as 20.00 e as 22.00 horas, cando será de 74,89 euros/MWh.

A este prezo do 'pool' súmase a compensación ás gasistas, que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estar no mercado libre, teñen unha tarifa indexada, que para este sábado sitúase en -1,34 euros/MWh.

En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica' para topar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo da luz no Estado español sería de media duns 54,06 euros/MWh, o que supón 13,98 euros/MWh máis que coa compensación para os clientes da tarifa regulada, que pagarán así un 25,86% menos de media.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

En concreto, a 'excepción ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade desde un prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais, e posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até a finalización da medida.

Prórroga da ‘excepción ibérica’

O Executivo español quere prolongar a 'excepción ibérica' polo menos até finais de 2024 cun tope similar ao actual, de entre 45 e 50 euros por megawatt hora (MWh) e así o solicitou a Bruxelas.

Con todo, a Comisión Europea trasladou aos Estados español e portugués que a prórroga da 'excepción ibérica' non pode ir máis alá de decembro de 2023, data na cal expira o marco temporal das iniciativas de apoio pola guerra de Ucraína, polo que mentres a Unión Europea (UE) non o modifique, a prórroga do mecanismo debe aterse a el.

A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, explicou que no caso de que se dese tal escenario, existe a posibilidade de que o marco temporal de axudas pola guerra de Ucraína se amplíe e permita tamén unha extensión da solución ibérica máis aló de decembro.

Comentarios