Bruxelas advirte que a 'excepción ibérica' non poderá pasar de decembro malia que Ribera quería prorrogala até maio de 2024

A ministra Teresa Ribera avanzara a súa intención de prorrogar a medida até maio de 2024.
O prezo da luz aumenta alcanzou o máximo deste mes de setembro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Moncloa vería esta proposta da UE, porén, "moi razoábel". (Foto: Nós Diario)

A Comisión Europea vén de informar aos gobernos español e portugués de que a prórroga da 'excepción ibérica' non pode ir máis aló de decembro de 2023, data na que vence o prazo das medidas de apoio á guerra de Ucraína, polo que mentres a Unión Europea (UE) non o modifique non se poderá prorrogar.

Así llo trasladou a comisaria da Competencia, Margrethe Vestager, á vicepresidenta terceira do Goberno estatal e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, e ao ministro de Medio Ambiente e Acción Climática de Portugal, Duarte Cordeiro, na súa reunión desta cuarta feira, confirmaron fontes diplomáticas a Europa Press.

Malia que o pasado 9 de xaneiro a ministra Ribera anunciou a súa intención de solicitar a prórroga da 'solución ibérica' até maio de 2024, as mesmas fontes aseguran que Moncloa asume a proposta de Bruxelas como "moi razoábel" e, así mesmo, Portugal recoñece que funcionaría para eles tamén.

A 'excepción ibérica', que se aplica no Estado español e Portugal desde o pasado 15 de xuño, é un mecanismo que limita o prezo do gas para a xeración eléctrica co fin de baixar o prezo da electricidade.

Durante os seis primeiros meses desta medida, o prezo do gas foi limitado a 40 euros/MWh e a partir de aí aumenta en cinco euros/MWh ao mes até maio, cando remata a súa vixencia.

Comentarios