Paradores acorda o ERE con UGT e CCOO

Os sindicatos presentes no Comité Intercentros e a empresa acordaron o despedimento de 350 traballador@s e todo o estado, o peche temporal de Tui, Verín, Vilalba e Monforte de Lemos e unha indemnización de 25 días por ano traballado.
Peche no Hostal dos Reis Católicos

O Comité de Intercentros e Paradores chegaron a un acordo sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e haberá 350 despedidos nesta rede hostaleira do Estado español. Xusto no prazo límite da negociación ambas as dúas partes, reunidas no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) asinaron unhas medidas que afectarán, desde este mesmo mes de xaneiro, tamén os paradores galegos.

O acordo contempla que pecharán tres meses o parador de Tui, e catro meses os de Verín e Vilalba. O estabelecemento de Monforte de Lemos pechará 40 días coincidinco coas vacacións e o de Ferrol evita o peche indefinido. Un dos puntos do acordo foi a decisión de que varios restaurantes da rede desaparecerán e outros terán períodos grandes de descanso.

O acordo contempla que pecharán tres meses o parador de Tui, e catro meses os de Verín e Vilalba

As indemnizacións pactadas serán de 25 días por ano traballado cun máximo de 20 mensualidades e, segundo o documento, afectarán tamén o Hostal dos Reis Católicos malia contar con convenio propio e non estar presente na reunión o seu comité de empresa. A CUT, sindicato maioritaria nese estabelecemento, e a CIG aseguraron onte a Sermos Galiza que rexeitarían calquera acordo que se fixese en Madrid ao ter un convenio propio que implica unha negociación aparte. Fontes da CUT sinalaron que a decisión tomada hoxe entre o Comité Intercentros e a empresa "abre a porta á externalización e privatización" desta rede hostaleira pública. Segundo este sindicato os restaurantes son unha das fontes de ingresos máis importantes que teñen os paradores polo que "non ten sentido algún o seu peche". A CUT e a CIG rexeitan tamén os despedimentos para o parador de Compostela que implica este acordo.

Comentarios