O Comité deeEmpresa do Parador de Compostela impugnará a decisión de Madrid

O Hostal dos Reis Católicos conta cun convenio específico e a central maioritaria, CUT, non foi convidada á reunión que celebran a empresa e o Comité Intercentros.
Folga no Hostal dos Reis Católicos
photo_camera Folga no Hostal de Compostela

Paradores e o Comité de Intercentros, integrado por CCOO e UGT, reúnense en Madrid para negociaren a nova proposta da empresa de realizar un expediente de regulación de emprego (ERE). A empresa pública rebaixou o número inicial de despedimentos, de 644 a 350 en todo o Estado español, descarta o peche dos establecementos previstos e reduce de cinco a tres meses de media o tiempo de peche temporal doutros 27 da rede estatal. No apartado das indemnizacións a proposta da empresa foi de 25 días por ano traballado, nun máximo de 19 meses, fronte aos 24 meses que pedía este comité.

O Hostal dos Reis Católicos é un caso especial. Conta cun convenio específico propio, como o do Parador de León, e o sindicato con maior representación no comité de empresa é a CUT. Leonardo Da Cruz, secretario comarcal deste sindicato en Compostela, asegurou que as negociacións que se están a desenvolver en Madrid "non afectarán aos e ás traballador@s do Hostal porque o marco de negociación é outro". A CUT denunciou diante da Inspección de Traballo a falta de lexitimación do Comité Intercentros para negociar neste caso concreto. Despois de varios días de folga, cunha participación de até un 85% segundo este sindicato, asegurou que continuarán as mobilizacións nun parador "que dá importantes beneficios". O comité de empresa do histórico centro hostaleiro compostelán non foi convocado á reunión celebrada en Madrid polo que non ten máis información que "a que poñedes os medios de comunicación". Da Cruz asegura que a empresa, polo de agora, non se sentou a negociar polo que as protestas continuarán.

Despois de varios días de folga, cunha participación de até un 85% segundo a CUT, continuarán as mobilizacións no Hostal dos Reis Católicos

Outro dos sindicatos con representación no Comité é a CIG. O secretario comarcal de CIG-Servizos, Roberto Alonso, asegura que apoiarán as decisións que tome o comité de empresa "impugnando calquera decisión que se tome en Madrid". Para Alonso o Comité Intercentros que negociou a proposta de Paradores "non está lexitimado" posto que "o Hostal dos Reis Católicos ten un convenio propio". Outra das razóns que argumenta é que "non é de recibo que o Parador de Compostela teña case 2 millóns de euros netos de beneficio este ano e teña que despedir dezanove traballador@s".

A reunión que se celebra en Madrid ten como data límite para chegar a un acordo o día 3 de xaneiro e do seu resultado si dependerán o resto de paradores galegos.

Comentarios