A parada das cubas de Alcoa e o feche de Vestas auguran o feche de comercios

A Federación galega do Comercio augura a desaparición de estabelecementos no sector e tamén na hostalaría. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, apremou este venres á Xunta de Galicia a que convoque unha mesa industrial para buscar unha "alternativa" a Vestas.

Comercio fechado na folga xeral na Mariña do pasado
photo_camera Comercio fechado na folga xeral na Mariña do pasado 17 de novembro de 2021 (Carlos Castro / Europa Press).

A decisión de Alcoa de parar as cubas na factoría de San Cibrao, Cervo, podería ter graves consecuencias económicas para toda a comarca da Mariña.

O comercio galego teme feches de negocios que virían motivados polo apagamento das cubas e a paralización da produción, nos dous próximos anos, na factoría de Alcoa.

Para o presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas, con esta situación haberá "feches" mais xa non só no seu sector senón tamén "na hostalaría".

Seijas non esconde a "gran preocupación" que se instalou no comercio. "Levamos varias crises acumuladas ás que se fixo fronte e agora sumamos esta nova crise na Mariña con Alcoa e co feche de Vestas", sentenciou.

O responsábel da Federación confesou que reina a "angustia" diante "a incerteza que se nos aveciña". Razoa que o sector estará "afectado diante a falta de liquidez e de seguridade económica" por esta situación.

Seijas considera que a parada das cubas afecta "sobre todo as empresas auxiliares e contratistas que dependen directamente de Alcoa e isto vailles a representar un gran prexuízo".

Desde a Federación cren que o “prexuízo” non quedará na Mariña, senón que chegará a todas as comarcas de Lugo".

A alcaldesa de Viveiro pide unha mesa industrial para Vestas

O futuro de Vestas tamén preocupa. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, apremou esta sexta feira á Xunta da Galiza a que convoque unha mesa industrial para buscar unha "alternativa" a Vestas, sobre todo que se envorque "para que as traballadoras e os traballadores non queden na rúa".

Loureiro lembrou que o persoal "chegou a un acordo e a unha paz social", coa multinacional danesa de aeroxeradores, a pesar do cal máis de 90 persoas, dun cadro de persoal de 115, "vanse á rúa", desde o un de xaneiro.

Por este motivo pediu "que se convoque unha mesa industrial pronto para buscar unha alternativa aos traballadores que se van a quedar na rúa".

Comentarios