O Goberno español lexitima unha outra quita ás preferentes mentres @s afectados advirten: "seguiremos até anular os contratos"

O Fondo de Garantía de Depósitos anunciará o vindeiro día 10 de xuño a porcentaxe de perdas que asumirán @s afectad@s polo calote das preferentes se queren acudir á canxe por accións. Imaxes: GZVideos

[Imaxe: GZVideos]
photo_camera [Imaxe: GZVideos]

Por riba de burra, apaleada. Di o proverbio popular. Após a aprobación da quita imposta polo goberno español @s estafad@s polo calote das preferentes o executivo de Mariano Rajoy asegurou que recuperarían os seus aforros a través dun Fondo de Garantía de Depósitos --un órgano creado en 2011 para "garantir os depósitos" das entidades financeiras a través de diñeiro líquido, valores ou outros instrumentos financeiros. 

Neste senso, @s estafad@s deberían facer fronte a un canxe inicial que trocaría os seus aforros por accións da entidade. Porén, esta cuarta feira o FGD deu a coñecer que as persoas que se acollan a esta ferramenta deberán afrontar unha (outra) quita do 15%. 

As afectad@s asumirán perdas por volta do 60%

"Poñémonos nunha perda media do 60%", asegura Xesús Domínguez, da Plataforma de Afectad@s de Compostela. "Esta do que tiñamos falado", di con seguridade e sen demasiada sorpresa perante a noticia. "Na práctica", di, "se se quere ter liquidez hai que solicitala" --en referencia á canxe-- e, polo tanto asumir máis unha perda que vén a se sumar á aprobada polo Goberno español e o FROB en febreiro deste ano. 

"Dubido moito que quede aí", apunta Xesús Domínguez mais "é unha incógnita" mesmo como se vai producir esa canxe que de facto, converte @s afectad@s en don@s de boa parte do capital da entidade financeira que @s estafou e da que agora, asumen as perdas. 

Procurarán a anulación dos contratos 

"Seguiremos loitando". Esa é a proclama das Plataformas comarcais que a día de hoxe se continúan a constituír por todo o país. Unha das últimas a de Vilalba, en pleno corazón da Terra Chá. Após o anuncio da quita --que aínda está por se formalizar-- son moit@s as que están a coñecer que son vítimas desta fraude que atinxe a máis de 80.000 persoas na Galiza. 

Neste senso, advirten que non cesarán na súa loita cuxo obxectivo se centra agora en seguir "presionando" para "anular os contratos" pola vía xudicial e conseguir que a solución sexa "unha decisión política" e colectiva. 

Comentarios