As mulleres tardan tres anos máis que os homes en adquirir unha vivenda

Un estudo da UXT analiza os efectos da fenda salarial
Vivenda vella e nova na cidade de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Vivenda vella e nova na cidade de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

As mulleres galegas tardan uns tres anos e sete meses máis de media que os homes en adquirir unha vivenda en solitario, algo menos que a media estatal, segundo datos que expón o sindicato UXT. O estudo realizouno este sindicato tendo en conta os salarios de ambos os dous xéneros e que o prezo medio dunha vivenda na Galiza é de 119.675 euros. O resultado foi que as mulleres tardan algo máis de 19 anos en poder adquirir un domicilio, mentres que os homes fano nuns 15 anos e medio. 

Outros factores como o sector e a diferenza salarial tamén inflúen nesta diferenza. "A pinza oscila de 9 anos máis en actividades administrativas e servizos auxiliares a case 5 anos en actividades profesionais, científicas e técnicas", apuntan desde a UXT. 

O sindicato engade que traballar a tempo parcial dificulta o acceso a unha vivenda en solitario. Por este motivo, apuntan que debido a esta situación descrita anteriormente, moitos mozos e mozas están a prolongar durante anos o aloxamento en pisos compartidos de aluguer, "a prezos mesmo máis altos do que pode custar unha cota mensual dunha hipoteca". 

Por todo iso, a UXT considera que "hai que seguir incidindo na estabilidade laboral, avanzar na suba do Salario Mínimo Interprofesional e garantir contratos a tempo parcial voluntarios, con condicións salariais adecuadas, que pode ser a metade máis un 10% do SMI a xornada completa". Ademais, exixe "cumprir cos preceptos constitucionais dun traballo e unha vivenda digna", entre outras reclamacións. 

Pisos compartidos

No resto do Estado español,  Murcia é onde se produce maior fenda de xénero fronte a Canarias, onde é a menor. Por este motivo, apuntan desde este sindicato que debido a esta situación, moitas mozas e mozos están a prolongar durante anos o aloxamento en pisos compartidos de aluguer, "a prezos mesmo máis altos do que pode custar unha cota mensual dunha hipoteca".

Comentarios