A mortalidade empresarial leva por diante unha de cada catro empresas creadas na Galiza

Cesaron a súa actividade 23% das sociedades nadas desde 2018.
En cinco anos puxeron fin á súa actividade máis de 4.000 compañías na Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera En cinco anos puxeron fin á súa actividade máis de 4.000 compañías na Galiza. (Foto: Europa Press).

Perto de 25% das empresas creadas na Galiza nos últimos cinco anos cesaron a súa actividade. Das 18.888 sociedades constituídas entre 2018 e 2023 no país, 4.281 deixaron de traballar, unha taxa de mortalidade empresarial de 23%, o que supón unha de cada catro. 

Son datos do estudo Mortalidade das empresas creadas nos últimos cinco anos, que vén de publicar este mes a firma europea de información empresarial Informa D&B en base a datos e estatísticas oficiais. O estudo apunta a un incremento na Galiza da taxa de mortaldade empresarial, a porcentaxe de compañías que desaparecen durante un período determinado, neste caso un lustro.

No traballo correspondente ao período anterior, 2017-2022, a porcentaxe de sociedades que cesaron a súa actividade era de 18,2%, o que supón cinco puntos menos que as que desapareceron entre 2018 e 2023 na Galiza. O período analizado contempla situacións de dificultade para o tecido empresarial, como a crise da Covid ou o importante aumento dos custos vinculados a factores como as materias primas ou a enerxía. 

Media estatal

Os territorios do Estado con maior taxa de empresas activas son A Rioxa, Aragón e Estremadura, mentres que Canarias, Ceuta e Melilla rexistran as taxas de mortalidade máis elevadas. A media estatal de sociedades que desapareceron nestes cinco anos sitúase en 26%. As empresas que pertencen aos sectores de Administración, intermediación financeira e sanidade presentan as taxas de cesamento de actividade máis baixas, mentres que a de industrias extractivas é o sector coa taxa de mortalidade máis elevada.

Desde un punto de vista sectorial, 74% das empresas inscritas actualmente na Seguridade Social na Galiza pertencen ao sector servizos (son 59.644), seguido da construción, que acolle 10,4% das empresas (8.405), a industria, con 8,6% (6.954) e o sector primario, con 6,9% (5.585). Comparado coa estrutura sectorial no conxunto do Estado español, a Galiza presenta un menor peso relativo no sector primario (8% no Estado), sendo de 73,8% o peso do sector servizos no conxunto estatal, de 10,2% no caso da construción, e de 7,9% no do conxunto das ramas industriais.

Empresas 'zombies'

Outro dato que ilustra a situación do tecido empresarial na Galiza é o das perto de 3.200 compañías galegas que non teñen ingresos suficientes para facer fronte ao seu endebedamento. Son as denominadas 'empresas zombies', un termo que se empregou por primeira vez no Xapón, na década de 1990, e que desde alí estendeuse a todo o planeta. No Estado hai 48.000 sociedades que comparten estas características: todas elas presentan no mínimo dous exercicios consecutivos nos que os seus resultados operativos foron insuficientes para cubrir os compromisos derivados do seu endebedamento financeiro. As 3.200 empresas zombies existentes na Galiza supoñen 6,7 % do total das que hai no conxunto do Estado. É o quinto territorio nun ranking encabezado por Madrid, Catalunya, País Valencià e Andalucía.


130 compañías marcharon a outras comunidades en 2023

Durante o ano 2023 marcharon da Galiza para levar a súa sede social a outros territorios do Estado español un total de 130 empresas. A maioría das compañías que marcharon do país elixiron para instalarse Madrid (56 empresas), Catalñunya (19) e Andalucía (11).  En 2022 marcharon da Galiza para ter a súa sede social noutro territorio do Estado 158 empresas, o que supón de media que cada semana tres sociedades decidiron mudar a súa sede a outra comunidade.

Tamén nese ano Madrid foi o principal destino desas compañías. De feito, Madrid, e xa volvendo aos datos de 2023, foi o destino de 1.700 das 5.000 sociedades que durante ese exercicio mudaron a súa sede social de autonomía. A capital do Estado leva anos 'intensificando a súa política de 'absorción' de empresas doutros territorios.

Comentarios