Análise

Irresponsabilidade asimétrica

O economista Xosé Antonio Pena Beiroa prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
As accións de Bankia debutaron na Bolsa de Madrid a 3,68 euros en xullo de 2011. (Foto: Europa Press)
photo_camera As accións de Bankia debutaron na Bolsa de Madrid a 3,68 euros en xullo de 2011. (Foto: Europa Press)

Recentemente Nemésio Barxa referíase nun seu editorial neste mesmo xornal ao branqueo pola xustiza do affaire de Bankia. Así é. A sala do penal do Tribunal Supremo ratificou en sentenza en outubro pasado a absolución dos 34 acusados pola súa saída a Bolsa, entre eles o ex ministro Rodrigo Rato, por delitos de estafa aos investidores e falsidade contábel. Xustificando que a súa saída a Bolsa contou co visto e prace de todos os supervisores: Banco de España, CNMV, FROB e EBA e que o folleto contiña unha "ampla e certeira información financeira e non financeira". Que sexa certeira, como define a RAE, implica que é seguro, acertado, certo e ben informado. De verás? Pola contra o mesmo Supremo, mais na sala do civil, en sentenzas de febreiro de 2016 basean o fallo contra Bankia no argumento de falta de veracidade do folleto de saída a Bolsa. Dúas salas do mesmo tribunal chegan a conclusións contraditorias.

Os criterios das sentenzas do 2016 son confirmados e determinados na da sala do civil do 24 de outubro do 2017 na que define unha irregularidade contábel relevante como aquela que "impida ao terceiro ter unha información correcta e suficiente do estado patrimonial e, especialmente, cando oculte a existencia dunha causa de disolución ou dunha situación de insolvencia. E serao cuantitativamente cando o importe económico da incidencia, en relación co tamaño da empresa, altere significativamente a situación patrimonial e financeira que se proxecta ao exterior".

Entón, como pode a sala do penal dicir que a información do folleto da OPV de Bankia é ampla e certeira? Sabemos que saíu a Bolsa en xullo do 2011, que en marzo do ano seguinte daba a coñecer o resultado do exercicio 2011 cun beneficio de 309 millóns e que en maio seguinte, despois da entrada de José Ignacio Goirigolzarri como Presidente e da reformulación das contas, o resultado do 2011 pasou a ser de perdas de 2.979 millóns de euros. Remata co seu rescate polo FROB que requiriu de 24.424 millóns de diñeiro público para equilibrar as súas contas. Nun período de menos dun ano acreditouse que as contas presentadas por Rato tiñan que formularse de novo ao non reflectir a imaxe fiel do patrimonio do banco. Tanto é así que até os inspectores do Banco de España que compareceron como peritos no xuízo seguido na Audiencia Nacional aseguraron que a entidade maquillou as contas para saír a Bolsa e captar investidores.

Tamén chama a atención a diferenza co que en xullo do 2002 concluíu a mesma sala do penal no caso Banesto. Fora poñente o xuíz coruñés José Antonio Martín Pallín. E condenou, entre outros, a Mario Conde polos delitos de apropiación indebida, estafa e falsidade porque os balances e outros documentos que reflicten a situación do banco, son verdadeiros documentos mercantís e as alteracións contábeis levan a erro aos destinatarios da información sobre a súa situación económica, patrimonial ou financeira.

Todas as empresas teñen a obriga de ir a un concurso de acredores diante da súa insolvencia. Os bancos non. Son rescatados e os directivos exentos de responsabilidade

Polo tanto, sendo semellantes as orixes dos casos Banesto e Bankia, non pode entenderse que as conclusións sexan opostas. As consecuencias para os denunciados poderían definirse como "irresponsabilidade asimétrica". As análises económicas sobre a asimetría foron recompesadas no 2001 aos economistas Stiglitz, Akerlof e Spence co Premio Nobel de Economía, quen se referían a información asimétrica como aquela que implica unha posición desigual en canto á cantidade e a calidade da información dispoñible polas dúas partes. Nestes asuntos bancarios o resultado das sentenzas sobre falsidade documental foi asimétrico para uns e outros, e, na miña opinión, cunha máis que cuestionábel conclusión na fundamentación da presunta bondade da información achegada aos subscritores de accións na OPV de Bankia na sentenza absolutoria dos seus directivos. Terá que ver que algúns dos imputados fosen políticos ou nomeados por políticos?

A asimetría esténdese, ademais de aos directivos, ao tipo de sociedade. Practicamente todas as empresas, que non sexan bancos, teñen a obriga de ir a un procedemento de concurso de acredores diante da súa insolvencia probábel, inminente ou actual. Os bancos non. Son rescatados e os directivos exentos de responsabilidade. O Banco de Madrid foi o único banco en ir a concurso, que malia ser suficientemente solvente, foi intervido polo Banco de España en marzo do 2015, por unha acusación de branqueo de capitais da Fincen americana que despois coñeceuse que era falsa. Conclusión. Se es banco e grande, non hai responsabilidades por falseamento nin polo civil nin polo penal. Peor aínda, o TXUE vén de decidir en maio pasado que até os pequenos accionistas soporten as perdas pola resolución do Banco Popular, malia que os seus directivos desfruten de irresponsabilidade asimétrica e, como dicía Barxa, sexan branqueados.

Comentarios