Máis de 80% de profesionais autónomos quedarán sen acceso ás axudas da Xunta

O limiar de 10.000 euros de rendemento afecta intensamente o rural.
O prazo das axudas da Xunta da Galiza para profesionais por conta propia, Activa Autónomos, comezou o pasado 9 de xaneiro (Foto: Arxina).
photo_camera O prazo das axudas da Xunta da Galiza para profesionais por conta propia, Activa Autónomos, comezou o pasado 9 de xaneiro (Foto: Arxina).

Esta quinta feira é a terceira xornada desde que abriu o prazo da convocatoria de axudas para profesionais por conta propia lanzada pola Xunta da Galiza co nome de Activa Autónomos.

Unhas axudas que non chegarán nin a 20% das traballadoras e traballadores autónomos da Galiza. No sistema de módulos a contía será de 800 euros mentres que no caso da estimación directa a axuda alcanzará entre 1.200 e 1.500 euros.

Se todas as axudas fosen de 800 euros, cousa pouco probábel ou imposíbel, a cantidade orzada de 30 millóns de euros chegaría para cubrir un total de 37.500 solicitudes, o que corresponde con 18,2% das ao redor de 206.000 persoas traballadoras e traballadores por conta propia da Galiza.  

Ademais, moitas das persoas levaron unha sorpresa ao descubrir a súa imposibilidade de concorrencia ao non cumprir o requirimento de teren un rendemento neto superior a 10.000 euros anuais durante o exercicio 2021.

Segundo as estimacións achegadas pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) a Nós Diario, a porcentaxe de persoas traballadoras por conta propia con rendementos netos inferiores a 10.000 euros anuais ronda a cifra de 22%. 

Neste sentido, o período de estimación dos beneficios netos para acceder ás axudas é o último exercicio fechado, o de 2021, ano no que estaban vixentes os cesamentos de actividade para este colectivo derivados da influencia da pandemia, e no que os ingresos de gran parte das persoas traballadoras por conta propia sufriron unha importante mingua.

Organizacións labregas denuncian a convocatoria

Para Xavier Rial, responsábel dos servizos técnicos da Federación Rural Galega (Fruga), "que haxa que solicitar a axuda por internet e que se inicie o prazo ás 12 da noite exclúe en gran medida a xente do rural, pois ten peores conexións a internet e dependen en gran medida da tramitación desde servizos externos que non traballan nese horario". "Trátase dun conxunto de situacións que prexudican o rural, carece de sentido que se exclúa as persoas con menores rendementos netos, unha situación que elimina a posibilidade de pedir estas axudas para moitos traballadores por conta propia da agricultura e da gandaría".

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG) coincide nestes argumentos, acrecentando que "non ten sentido que se poñan en marcha unhas axudas para persoas traballadoras por conta propia que, segundo dixo a propia conselleira, pretenden chegar só a 20% do colectivo, pois é moita a xente que queda fóra". Vilalba denuncia que "no rural son moitas as persoas que non chegan a 10.000 euros de rendementos netos, sobre todo nas explotacións máis modestas". 

Unha situación que, segundo as estimacións de Unións Agrarias (UUAA), afectará 93% das explotacións de vacún de carne e 35% das explotacións de vacún de leite, que "por ter rendementos por baixo do limiar estabelecido ficarán fóra das axudas". O secretario xeral de UUAA, Roberto García, asegura a Nós Diario que esta situación, unida ao método de solicitude, fará que "a práctica totalidade das axudas cheguen a zonas urbanas, unha cuestión que nos servirá de base para a presentación nas próximas horas dun recurso que consiga paralice as axudas", anuncia García. 

"É posíbel que queden fóra profesionais con moi baixos ingresos"

UPTA sinala que "estas axudas son positivas, pois axudarán a inxectar unha cantidade de cartos moi importante para moitas persoas traballadoras por conta propia". Sobre o limiar de 10.000 euros de rendementos netos aclaran que deixa fóra persoas de alta como autónomos con pouca actividade. Porén, tamén recoñecen que "é posíbel que queden fóra autónomos con moi baixos ingresos". Unha situación que "temos que tratar de reparar", sinala o colectivo.

Comentarios