A inflación encarece máis de 50% varios produtos de primeira necesidade

A crise e o paro dos transportistas provocaron desabastecemento nos supermercados, que xa van recuperando a normalidade (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O conflito con Ucraína, sumado aos paros no transporte, ameazan con agudizar aínda máis o encarecemento de produtos básicos. 

A pasada cuarta feira deuse a coñecer o dato do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) de marzo que sitúa a inflación no Estado en 9,8%. Con todo, a cifra só computa até o pasado día 21 e non contempla o impacto nos prezos da falta de produto polo paro no transporte. Á espera de coñecer o dato definitivo e o galego ─publícanse o día 13─, as persoas consumidoras xa notan as subas nos seus petos.

─ Os carburantes son un dos produtos que máis se encareceron no último ano. Encher un depósito medio de gasolina de 55 litros é 37,88% máis caro que na mesma semana de 2021 e 55,93% superior no caso do gasóleo, combustíbel este último que xa supera en prezo á gasolina (1,837  euros de media fronte 1,818 euros do diésel, segundo o último Boletín Petroleiro da Unión Europea) pola súa dependencia das exportacións rusas.

─ A enerxía tamén cotiza en prezos récord, até o punto de que marzo xa é oficialmente o mes máis caro da historia. Hoxe a luz págase de media a 224,75 euros megawatt hora, 6,1% menos que onte, pero 331,21% máis cara que os 52,12 euros/MWh do 1 de abril de 2021. 

─ O pan é outro dos produtos que máis nota o impacto da guerra en Ucraína, país do que se importa boa parte do trigo que despois se emprega para producir as fariñas coas que se elabora o pan. Se hai un ano pagábase 1 euro por unha barra, hoxe o seu prezo ronda o 1,20 euros. 

─ A carne de vacún estase a vender en moitos dos casos por baixo dos prezos de produción. Aínda así, pagábase en febreiro 3,8% máis cara que hai un ano. Porén, a que máis encareceu na Galiza foi a de ovino (+12,5%), seguida da de ave (+7,3%) mentres que a de porco até rebaixou 0,8% o seu valor. 

─ Os ovos, igual que subiu a carne de ave polos maiores custos da alimentación animal, tamén viron incrementado o seu prezo en 8,1% no último ano.

─ Os aceites están a ser un dos grandes protagonistas desta escalada de prezos. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), en febreiro xa subiran 27,8% no país con respecto ao mesmo mes do ano anterior, máis aínda non se notaran as consecuencias da guerra en Ucraína, principal país exportador de aceite de xirasol.

─ O leite foi un dos produtos que chegou a escasear nos lineais dos supermercados durante os paros do transporte. Producilo, segundo os datos dun informe da Xunta da Galiza, ronda os 40 céntimos, mais nas granxas non chegan a cobrar máis de 0,35 euros por litro. No supermercado, algunhas firmas de distribución repercutiron o aumento dos custos no prezo final que, con todo, só varía nun par de céntimos respecto do que se pagaba hai un ano. 

─ O café, pola contra, si que experimentou cambios. De media, os locais de hostalaría aumentaron uns 20 céntimos o que cobraban por esta bebida para compensar as subas no seu recibo da luz, mais tamén do propio gran e, curiosamente, tamén das embalaxes de cartón nas que se transportan.