A folga do transporte impacta na industria: chegan os primeiros ERTE

Empresas como o Grupo Ingapan xa anunciaron un ERTE que tamén teñen sobre a mesa firmas como Finsa ou Celsa Atlantic.
Protesta dos transportistas en Ferrol, esta cuarta feira (Foto: Raúl Lomba / Europa Press).
photo_camera Protesta dos transportistas en Ferrol, esta cuarta feira (Foto: Raúl Lomba / Europa Press).

A folga no transporte, que ten a Galiza entre os territorios máis castigados, sumou esta cuarta feira unha nova xornada marcada polas concentracións de centenares de camións e vehículos de maquinaria agrícola nos polígonos da contorna de Compostela e Ferrol.

Na capital galega, as concentracións producíronse no polígono da Sionlla, nas inmediacións da factoría de Finsa, desde onde partiron cara ao centro da cidade, onde a súa presenza volveu afectar ao tráfico en arterias de comunicación como a avenida de Lugo.

No caso de Ferrol, os manifestantes tamén se concentraron no mesmo punto das protestas da pasada segunda feira, o polígono de Río do Pozo, desde onde saíron en caravana cara ás localidades de Narón, Neda, Fene e Ferrol para despois dirixirse de volta ao parque industrial.

Efectos na produción

Os dez días de paro seguen a incrementar os prexuízos no sector produtivo galego. Empresas como o Grupo Ingapan xa anunciaron un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que teñen sobre a mesa firmas como a madeireira Finsa ou a siderúrxica Celsa Atlantic.

O impacto do paro esténdese por diferentes sectores. Ferroatlántica parou a súa fábrica de Arteixo por falta de materias primas, mentres que a conserveira Calvo cumpriu esta cuarta feira a última das tres xornadas de parada polo mesmo motivo.

Pola súa parte, Agaca e a Agrupación industrial Alimentaria da Galiza (Clusaga) alertan de que a situación na cadea agroalimentaria "xa é, nestes momentos, insostíbel", con perigo para 100.000 empregos, mentres que a frota galega permaneceu amarrada por terceiro día.

Comentarios