Supermercados na Galiza racionan a venda de aceite de xirasol pola guerra en Ucraína

En 2021 Galiza importou un volume deste produto por máis de 75 millóns de euros. Tamén outros produtos, como no millo, poden escasear en breve.

aceite
photo_camera Aviso este sábado nun supermercado da capital galega.

Tres unidades por cliente e día, esa é a cifra que permite sacar un supermercado na capital galega de aceite de xirasol, un dos produtos máis afectados pola guerra en Ucraína. Son varias as cadeas (Gadis, Mercadona, Eroski...) onde se está a racionar este produto.

A guerra en Ucraína xera unha enorme incerteza na cadea de subministración, dado que ese país é un dos principais produtores mundiais de cereais. 25% das importacións que o Estado español fai de aceite de xirasol proveñen dese país.

E a Galiza, nos once primeiros meses de 2021, gastou máis de 75 millóns de euros en comprar a Ucraína ese produto. É, canda o millo (41 millóns de euros), o principal produto que o noso país merca aos ucraínos. Entre xaneiro e novembro na Galiza importamos produtosde Ucraína por 130 millóns.

 Os fabricantes de pensos da Galiza advirten que a invasión da Ucraína deixa a Galiza con millo para un mes e medio 

Ademais, e segundo recolle Economía Digital, os fabricantes de pensos da Galiza advirten que a invasión da Ucraína deixa a Galiza con millo para un mes e medio. A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais ( Agafac) pide axilizar as importacións de millo doutros mercados, como Arxentina e Estados Unidos, para evitar un posíbel desabastecemento.

Exportacións

Nos once primeiros meses de 2021 a Galiza exportou a Ucraína por valor de case 103 millóns de euros. Sobre todo automóbiles (48 millóns de euros) e peixe conxelado (25 millóns) e produtos da nosa industria química (15 millóns de euros).

O secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), Enrique Mallón, recoñeceu xa a súa "máxima preocupación" por unha guerra que, ao seu xuízo, "vai afectar" a industria galega.

Comentarios