O incremento do prezo dos carburantes e da electricidade eleva a inflación até 3,5%

A inflación volve dispararse no Estado español, até marcar 3,5%.
Os carburantes están detrás da leve repunta da inflación. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Os carburantes están detrás do repunte da inflación. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A suba dos carburantes e da electricidade déixase notar nos prezos, que rexistran un incremento interanual de nove décimas. A nova alza do Índice de Prezos de Consumo (IPC) cuestiona a aplicación das políticas do Banco Central Europeo.

Así, no día de onte coñeceuse que o IPC aumentou dúas décimas en setembro en relación ao mes anterior e elevou nove décimas a súa taxa interanual no conxunto do Estado español, até 3,5%, o seu valor máis alto desde o pasado mes de abril. Neste sentido, o IPC encadea tres meses consecutivos de ascensos despois de que en xullo e agosto subira catro e tres décimas.

Desta maneira, o IPC volve superar 3% após tres meses por baixo desta cota e sitúase no seu nivel máis elevado desde abril, cando alcanzou 4,1%. Ao tempo, a estimación realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para a inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos— do mes de setembro colócase en 5,8%, unha taxa 2,3 puntos superior á do IPC xeral e a máis baixa desde xuño de 2022, cando se situara na contorna de 5,5%.

A falla de coñecer a suba dos prezos por sectores, o INE responsabiliza da alza da inflación os carburantes e a electricidade. Neste sentido, os carburantes incrementaron o seu valor desde o comezo do verán en 10%, situándose o litro de gasolina arredor de 1,73 euros e a mesma cantidade de gasóleo en 1,67 euros. Asemade, a electricidade volve entrar nunha fase ascendente, o que cuestiona a eficacia das políticas impulsadas desde o Estado coa excepción ibérica.

A nova alza do IPC impugna as receitas aplicadas polo BCE para combatela. Segundo os tratados comunitarios, a función do regulador bancario é impedir a suba da inflación, porén nun contexto de suba dos tipos de xuro enmarcado no combate contra alza de prezos, estes continúan subindo.

0,2% nun mes

En termos mensuais, o IPC rexistrou un aumento de 0,2%, unhas tres décimas menos do que subiu o mes anterior. Con esta repunta, a inflación encadea catro meses consecutivos de alzas mensuais. No noveno mes de 2023, o Índice de Prezos de Consumo Armonizado (IPCA) situou a súa taxa interanual en 3,2%, oito décimas por riba da taxa rexistrada no mes anterior. A variación mensual estimada do IPCA foi de 0,6%.

O INE publicará os datos definitivos do IPC en setembro o vindeiro 13 de outubro.

Comentarios