Impagos no sector leiteiro deixan granxas ao bordo da quebra

A Fruga vén de dar a coñecer o caso dunha empresa recolledora de leite que lles adebeda ás granxas un total de seis meses. Trátase de Lácteos Terra de Montes, que leva sen pagarlles ás explotacións desde o mes de febreiro. Falamos con Elías Somozas, coordinador de Sectores Gandeiros da Fruga, sobre as consecuencias deste caso.

Vaca
photo_camera As débedas aos provedores é un dos principais problemas

Lácteos Terra de Montes S.L., con sede na Estrada, adebeda ás granxas ás que lles recolle o leite un total de seis meses. A última vez que pagou ás explotacións foi no mes de xaneiro, segundo dados da Fruga. O coordinador de Sectores Gandeiros da federación, Elías Somozas, explica, en declaracións a Sermos Galiza, os efectos que implican impagos como o do caso citado.

Somozas: "As granxas non teñen diñeiro para lles facer fronte aos pagos a provedores polo penso para alimentar os animais"

“Casos como o desta empresa, que ten a condición de primeira compradora ao actuar de intermediaria entre as explotacións produtoras e as industrias transformadoras, implica que as granxas non teñan diñeiro para lles facer fronte aos pagos a provedores polo penso para alimentar os animais”, sinala. “Non poden pasar casos como o de Chantada” [onde en abril deste ano apareceron mortas un total de 40 vacas con aparencia de desnutrición], engade.

Elías Somozas advirte de que existen granxas que, debido aos impagos por parte das intermediarias, se viron na obriga de “ter que prescindir de comprar alimentos de fóra da explotación, necesarios para complementar a ración das vacas”. Aliás, ao dependeren exclusivamente das forraxes da propia explotación, as granxas ven minguada a produción.

Papel de Medio Rural

“Debido á paralización do banco de terras por parte da Consellaría do Medio Rural, a maior parte das nosas granxas carecen de base territorial suficiente para xerar a alimentación necesaria”, afirma. “Cando se dan situacións límites como esta, atópanse indefensas”, engade. Á falta de recursos económicos para merca fóra a alimentación suplementaria súmaselle a carencia de superficie agraria para xerar forraxes suficientes.

Somozas: "A Xunta desatendeuse de procurar unha solución"

A respeito do papel da Xunta, a Fruga denuncia que “en canto tivemos constancia da grave situación nos puxemos en contacto con Medio Rural para lle pedir a súa intermediación para tratar de que as granxas afectadas cobrasen todo o que se lles adebeda”. Porén, critica o “pasotismo” da Consellaría. “Chegamos á conclusión de que se ten desatendido de procurar unha solución”, critica a organización.

Comentarios