Haberá unha nova escalada da inflación na zona euro?

A suba do IPC prognosticada polo BCE provocaría o endurecemento dos tipos de xuro.
O vicepresidente do Banco Central Europeo, Luis de Guindos (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
photo_camera O vicepresidente do Banco Central Europeo, Luis de Guindos. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

A taxa de inflación interanual da zona euro, que seguiu unha traxectoria descendente durante os últimos 12 meses e caeu de maneira substancial tanto en setembro como en outubro, situándose en 2,9%, probabelmente rexistre unha "repunta temporal" nos próximos meses ao desaparecer do cálculo o efecto base, advertiu o vicepresidente do Banco Central Europeo (BCE), Luis de Guindos.

A inflación vese moi influenciada polo efecto base, xa que o feito de comparar os prezos actuais cun momento no que o seu valor era anormalmente alto, fai que as estatísticas tendan a rexistrar índices máis baixos.

Desta maneira, aínda que os prezos sigan unha evolución similar nos vindeiros meses, esta comparanza xa non se fará cos momentos máis álxidos da crise inflacionista, o que provocará unha tendencia á alza das taxas.

Unha suba dos índices de inflación interanual na zona euro que tería importantes consecuencias sobre a Galiza con independencia das taxas que sexan rexistradas no país, posto que a política monetaria do BCE sería máis dura, facendo que os tipos de xuro sexan máis altos.

"Agardamos [no BCE] unha repunta temporal da inflación nos próximos meses a medida que o efecto base do forte aumento dos prezos da enerxía e dos alimentos no outono de 2022 desapareza do cálculo interanual", argumentou De Guindos.

Neste sentido, o vicepresidente do BCE explicou que a moderación observada nos últimos meses na taxa de inflación interanual debeuse en parte ao forte efecto base, reflectindo unha caída dos prezos da enerxía e a menor suba de custos dos alimentos, bens e servizos.

A pesar da esperada repunta das subas de prezos nos próximos meses, De Guindos subliñou que o BCE considera que o proceso desinflacionista xeral "continuará no medio prazo".

"Hoxe en día, a inflación é significativamente máis baixa, pero aínda se espera que se manteña demasiado alta durante demasiado tempo", resumiu finalmente o vicepresidente do banco central da zona euro.

Así mesmo, De Guindos lembrou que as perspectivas de crecemento da economía da zona euro deterioráronse aínda máis, a medida que o impulso do crecemento mundial se desacelera e unhas condicións financeiras máis estritas pesan cada vez máis sobre o investimento e o consumo.

Desta maneira, despois de que no terceiro trimestre a economía da eurozona caese 0,1%, o vicepresidente do BCE apuntou que "é probábel que a economía da zona euro se manteña débil no curto prazo".

Comentarios