Golpe do PP e Bruxelas ao sector do mar galego

A Eurocámara, seguindo a proposta da deputada do PP galego Carmen Fraga, aprobou suprimir a obriga de identificar nas conservas a procedencia do produto. No sector do mexillón, uns 12.000 empregos directos, botan as mans á cabeza
Unha conserva de mexillón
photo_camera Unha conserva de mexillón

A Eurocámara suprime a obriga de incluír nas conservas o país de orixe do produto enlatado e a denominación comercial da especie. Unha decisión que pode implicar consecuencias nefastas para o sector do mar da Galiza, como xa están a advertir entidades como o Consello regulador do mexillón. A principal valedora e defensora de retirar esta información da conserva foi a eurodeputada do PP de Galiza Carmen Fraga.

Fraga asegurou, en pleno debate europarlamentar, que nin os datos sobre a especie enlatada nin o país de procedencia desta non achegaban "nada relevante ao consumidor, que sería ademáis, incapaz de dixerir tal cantidade de detalles".

Tal comentario, e as súas consecuencias, non deixan de xerar estupor entre profesionais dos sectores do mar galego e entidades de consumidor@s. Estes, por ver como a eurodeputada popular dá por feito que non entenden a información dunha conserva ou ben porque consideran que con esa retirada se lles está a furtar a posibilidade de coñeceren o máis posíbel do produto enlatado e poder facer así un consumo responsábel.

Explicacións

O sector bateeiro galego, uns 12.000 empregos directos e arredor das 3.300 bateas de cultivo de mexillón que hai nas nosas rías, sería un dos máis afectados por esta medida de Bruxelas. Desde hai anos, manteñen unha loita por evitar o calote nas conservas que comercializan como mexillón de Galiza (o de calidade e prestixio nos mercados) o procedente doutras latitudes, como Chile.

En palabras do presidente do Consello regulador do mexillón, Francisco Alcalde, o que vai ocorrer “é que toda a gama exquisita de peixes e mariscos da costa galega que teñen como destino a transformación quedarán orfos de protección fronte ás conservas anónimas que inundarán os mercados”.

“No caso do mexillón, levamos anos sufrindo unha situación de competencia desleal por parte de produtos foráneos mal etiquetados que se intentan aproveitar enganosamente do prestixio e da notoriedade adquiridos polo mexillón de Galiza con referencias irregulares da orixe. Agora, estas prácticas poderían quedar legalizadas”, considera Alcalde

Pode ser definitivo

Os requisitos de etiquetado aprobados recentemente na Eurocámara aínda non son definitivos, por precisaren a aprobación do Consello de ministr@s da UE. 

Recentemente, unha ampla delegación do sector do mar tivo oportunidade de reunírense en Bruxelas, grazas ás xestións do BNG, coa comisaria de Pesca da UE para expoñerlle as súas demandas e visións da Política Pesqueira Común.

Comentarios