A Xustiza abre a porta a 27.000 novas reclamacións polo 'cartel do leite'

Unha sentenza amplía a 2024 o prazo para solicitar a suspensión da prescrición da presunta fixación ilegal de prezos por parte de varias industrias lácteas. 
Vacas nunha explotación leiteira (Xunta).
Vacas nunha explotación leiteira (Xunta).

Unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) vén de abrir a porta a que miles de gandeiras e gandeiros galegos reclamen compensacións polas prácticas ilegais de fixacións de prezos dalgunhas empresas lácteas durante os anos 2000 e 2013, o coñecido como 'cartel do leite'.

En concreto, a sentenza do Alto Tribunal europeo amplía até o 11 de xullo de 2024 o prazo para solicitar a suspensión da prescrición do presunto delito, o que supón cinco anos desde que a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) multase as empresas lácteas por supostamente pactar os prezos de compra do leite en orixe.

Así o explicaron en rolda de prensa o secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, e o secretario de Acción Sindical, Félix Porto, na que cifraron en 27.000 o número de gandeiras e gandeiros na Galiza que se poderían sumar aos algo máis de 5.000 que xa tiñan presentada a suspensión da prescrición antes dos prazo dun ano inicialmente previsto e despois prorrogado pola irrupción da pandemia da Covid.

En palabras do secretario xeral de UUAA, trátase dunha "boa noticia para o sector produtor", que se vén sumar a outras recentes sentenzas que veñen a confirmar que "non só non está prescrita a acción, senón que o tempo para solicitar a suspensión da prescrición comeza a contar en 2019", e non en 2015, como pretendían as industrias lácteas en virtude a unha resolución anterior á multa da CNMC.

Contexto favorábel

A nova xurisprudencia da Unión Europea fai que calquera demanda que se teña presentado a este respecto, mesmo as que se vaian presentar, fágao en tempo e forma. Incluso posibilita recurso naqueles casos en que fose desestimada por terse notificado fóra do prazo, como aconteceu nunha recente sentenza en Lugo, que obrigaba o titular da explotación a asumir as costas do proceso, no canto de recibir o que cobraron de menos naqueles anos polo leite que venderon ás industrias.

As reclamacións galegas, que representan 70% das tramitadas no Estado, teñen agora máis visos de prosperar, o que podería levar a industria a negociar unha saída extraxudicial.

De momento, as demandas contra o 'cartel do leite' non chegaron aos xulgados do mercantil, xa que antes diso a Audiencia Nacional se ten que pronunciar sobre os recursos presentados por unha asociación industrial e oito das firmas implicadas á sanción de Competencia. 

Segue a indefensión

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) valoraron en declaracións a Nós Diario esta nova sentenza, que consideran "positiva" en tanto que permite máis gandeiras e gandeiros galegos reclamar polos danos patrimoniais do 'cartel do leite'.

Pola súa parte, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, á espera de coñecer en detalle a sentenza, celebra en declaracións a este xornal que se recoñeza a necesidade do sector de resarcirse polos prexuízos, máis lamenta que a situación de "indefensión" continúa, xa que desde as Administracións "seguen sen tomar medidas" para pór freo a determinadas "prácticas abusivas" da industria.

Comentarios