Unha fuga radioactiva en Megasa obriga a parar a produción, mais non se detecta impacto ambiental

A empresa ten parada a produción de aceiro e o sistema de extracción de po de fume. Os materiais contaminados fican illados e acordoados no interior da planta.
Instalacións de Megasa en Narón. (Foto: Megasa)
photo_camera Instalacións de Megasa en Narón. (Foto: Megasa)

A empresa Megasa Siderúrxica, situada no municipio de Narón (Ferrolterra), sufriu unha fuga dunha fonte radioactiva de Cesio-137 nun forno de arco eléctrico o pasado 8 de xuño, da cal informou ao Consello de Seguridade Nuclear (CSN) con base no procedemento estabelecido. Esta situación obrigou á parada de produción de aceiro.

"De maneira inmediata, o organismo regulador levou a cabo as comprobacións pertinentes a través da súa rede automática de estacións de vixilancia radiolóxica, confirmando que o suceso non tivera repercusión para o medio ambiente, posto que as medidas de radiación fóra da instalación presentaban valores habituais", informa agora o Consello nun comunicado.

Segundo explica, o incidente foi identificado polos pórticos de detección, ao producirse unha alarma de radioactividade durante a saída dun camión cargado con po de depuración. Ante este feito, o persoal da instalación detivo a produción de aceiro e a saída de produtos da instalación.

Após informar ao CSN, Megasa iniciou as xestións necesarias para realizar unha caracterización radiolóxica da planta e comprobar o grao de afectación. Actualmente, a empresa ten parada a produción de aceiro e o sistema de extracción de po de fume, á vez que os materiais contaminados fican illados e acordoados no interior da instalación.

O CSN enviou a pasada segunda feira un inspector ao lugar para comprobar a situación e poder autorizar a saída dos materiais que non resultaron contaminados. Após a devandita revisión, o organismo vai requirir a Megasa que comprobe que "ningún traballador se viu afectado e que elabore un plan para a limpeza e descontaminación das instalacións".

Comentarios