A Tenreira Galega vende a perdas: gandeiros perden un euro por cada quilo de carne

O gasto en alimentación, disparado pola alza dos prezos e aguzado após a guerra en Ucraína, supón xa máis da metade do gasto total das explotacións gandeiras.
Explotación galega de gando vacún (UUAA).
photo_camera Explotación galega de gando vacún. (Foto: Nós Diario)

Un informe elaborado pola Xunta da Galiza en colaboración coa Fundación Juana de Vega sobre os custos de produción das gandarías de Tenreira Galega Suprema conclúe que o prezo mínimo estimado para cubrir custos é de 6,20 euros quilogramo en canal, mentres que o prezo actual fica entre 5,10 e 5,20 euros.

O conselleiro do Medio Rural, José González, recoñeceu que "intuían que o sector estaba a vender a perdas", pero agora con este informe "comprobouse". Na presentación do informe, o conselleiro destacou que o gasto en alimentación das explotacións galegas no ano 2021 supuxo 54% do total. Unha cifra que neste 2022 "aumentou moito debido á invasión rusa de Ucraína" porque fixo subir o prezo das materias primas.

Así, o informe sinala que, con estes prezos, en 2021 os gandeiros galegos deberían cobrar 5,65 euros kg/canal, pero ingresaban sobre 5 euros. Agora, coa suba de prezos, estímase que deberían de cobrar 6,20 euros kg/canal. Neste senso, o informe presentado esta segunda feira na Escola Galega de Administración Pública reflicte a evolución dos prezos das materias primas desde decembro de 2021.

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) e deste mesmo documento, 'Estimación de prezos de pensos', os pensos subiron máis de 25% nos últimos meses, mentres que o do millo aumentou máis de 35%. Aliás, o trigo e a cebada rexistran incrementos de perto de 30% e a electricidade, o gas e outros combustíbeis subiron case 22%.

Após coñecerse estes datos, o conselleiro incidiu en que é preciso que se cumpra a Lei de Cadea Alimentaria e que o prezo da Tenreira Galega Suprema aumenta, cando menos, un euro para que poida ser rendíbel. Así, subliñou que requirirán á distribución, á industria e tamén aos gandeiros que cumpran co protocolo de carne asinado e se cumpra a prohibición de venda a perdas.

Axudas directas

Por outra parte, José González avanzou que neste primeiro semestre teranse que facer efectivas as axudas negociadas co Goberno estatal do fondo de reserva de emerxencias europeo e do diñeiro que achegará o Estado —60 euros por vaca nutriz—

Aliás, para paliar a posíbel falta de liquidez, o conselleiro anunciou que a próxima semana publicarán no Diario Oficial da Galiza o anticipo da PAC sen custos financeiros para os gandeiros galegos. Ademais, indicou que habilitarán en xuño unha liña de financiamiento de até 25 millóns de euros para facer préstamos de liquidez cunha contía limitada aos 35.000 euros por explotación.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, en declaracións aos medios após a presentación deste informe, demandou que, "igual que para o sector do leite hai unha aplicación razoábel de aproximadamente 210 euros por vaca", a carne debería ter unha axuda similar xa que "é o sector máis sacrificado".

Por iso, García criticou que as axudas directas anunciadas por parte da Xunta para o sector da carne "sigan sen concretarse" e recoñeceu que "se o sector está peor que o do leite, o obxectivo debería pasar porque a axuda non fose inferior". Polo tanto, calculou que a Administración galega tería que complementar os 60 euros por vaca que achegará o Estado antes de final de xuño cuns 120 euros.

Na mesma liña veñen pronunciándose o Sindicato Labrego Galego (SLG) e mais a Federación Rural Galega (Fruga). "Das 19.000 granxas do sector da carne na Galiza, só chegaron esas axudas a 4.600 explotacións", denunciou recentemente Isabel Vilalba —secretaria xeral do SLG—, quen exixiu que, após o fallo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), a Xunta "habilite o orzamento necesario para paliar esta discriminación que está recoñecida por sentenza".

A este respecto, o coordinador xeral da Fruga, Manuel da Cal, compartiu ás críticas do SLG pola discriminación por parte de Medio Rural a unhas explotacións que, como apuntou, "son as que axudan a manter o territorio".

Aínda que entenden que se foi o propio conselleiro González o que recoñeceu que a situación do vacún de carne era "peor" que a do leite, "o lóxico sería que a Xunta intente axudar". A Fruga cre que é Agricultura a que debería equiparalas para que non sexan os galegos e as galegas as que paguen este "trato discriminatorio".

Comentarios