Fruga oponse a “entregar” a comercialización da produción ecolóxica galega ás grandes distribuidoras

A Federación rural galega afirma que o Consello regulador de agricultura ecolóxica quere poñer en mans da gran distribución a comercialización deses produtos certificados en Galiza. 

Feira na Eira da Xoana
photo_camera Feira na Eira da Xoana

O Consello regulador de agricultura ecolóxica de Galiza (Craega) propón como vía para a comercialización das producións ecolóxicas galegas as grandes cadeas de distribución. Algo que para a Federación rural galega (Fruga) é “precisamente a principal ameaza do sector”. A Fruga sinala que a aposta para comercialización que fai o Craega é a de “entregar as nosas producións [en referencia á produción ecolóxica] ás grandes compañías de alimentos”. Lembra que nas recentes xornadas de comercialización organizadas polo Consello ‘convidouse’ a Carrefour. Estes pasos son, di a Fruga, “un ataque” a aquelas persoas produtoras que fan da agricultura ecolóxica “o noso medio e modo de vida”.

A Federación incide en que o camiño de comercialización que se propón desde o Consello regulador non é o acaído pois, denuncia, “a grande distribución ameaza a produción ecolóxica local e a soberanía alimentar”. Hai interese das grandes cadeas polos produtos ecolóxicos, recoñece. O crecente interese de capas cada vez máis amplas de consumidores pola calidade da alimentación e a saúde fai que esas grandes distribuidoras pousen os ollos sobre este sector. Así, engaden, a grande distribución ten a intención de “apropiarse en exclusiva” da produción ecolóxica, non por unha cuestión de saúde, ou mesmo ética, senón simplemente por negocio”. Por iso dedican superficies no mundo a produción ecolóxica, superficies porén onde “se seguen modelos cada vez máis industrializados e con man de obra barata”. Nese contexto, explica a Fruga, A “ecoloxía” fica entón restrinxida unicamente à cuestión técnica da produción e fican de lado a cuestión social, ou a pegada de carbono (trasporte e embalaxe) que supón o trasfego de mercadorías dunha punta a outra do planeta.

Mercados locais

E iso é contraditorio, conclúe, coa aposta polos mercados locais, e que contribúen a criar un outro modelo de alimentación e consumo, “unhas relacións económicas xustas, que cría emprego e fixa poboación no rural e que ademais contribúe à alimentación saudábel”.

Comentarios