O Foro Económico prevé unha caída do PIB galego de até 7,4% polo coronavirus

O impacto do coronavirus estará entre os 3.500 e os 4.600 millóns de euros.

Presentación do IV Informe de Conxuntura Socioeconómica. (Foro Económico)
photo_camera Imaxe de arquivo: Presentación do IV Informe de Conxuntura Socioeconómica. (Foro Económico)

O Foro Económico da Galiza prevé un afundimento da economía galega entre 5,6% e 7,4% do Produto Interior Bruto (PIB) debido ao impacto do estado de alarma debido ao coronavirus.

Nun informe difundidoesta cuarta feira, o Foro Económico establece o impacto do confinamento entre 3.500 e 4.600 millóns de euros. Este arco varía segundo o tempo que dure o estado de alarma.

E é que se o estado de alarma remata o 26 de abril - seis semanas - suporá unha perda de 5,6% do PIB, mentres que se se prolonga oito semanas até mediados de maio esa caída pode chegar ao 7,4%. .

Nun escenario optimista, o Foro Económico calcula que é posíbel que as perdas poidan xerar un "efecto rebote" debido ao "embalsamento" das decisións de gasto nos próximos meses, sempre que a crise se resolva con rapidez e éxito, co descubrimento de tratamentos eficaces ata que se dispoña dunha vacina. Así, producirase a ansiada curva en forma de V.

Porén, o Foro advirte que a persistencia de medidas de control nos próximos meses e restricións á mobilidade "poden xerar unha distorsión aínda maior na actividade económica". De feito, non se desbota unha segunda onda da pandemia, algo que prorrogaría no tempo o impacto en sectores como o turismo.

Os expertos do Foro consideran que para saír desta crise será necesario "aunar grandes esforzos" de forma coordinada en "todos os niveis institucionais", internacionais, estatais e galegos.

Remarca que se trata dunha crise "global e simétrica", porque afecta tanto á oferta como á demanda, o que leva a tensións na liquidez das familias e das empresas. O obxectivo é que unha recuperación "gradual" comece no segundo semestre despois dunha "forte contracción" no primeiro.

Comentarios