Greenpeace leva a Comisión Europea aos tribunais por denominar 'enerxías verdes' o gas e a nuclear

"Os mesmos contaminadores que Ursula von der Leyen quere premiar cunha etiqueta sostíbel son os responsábeis de moitas das terríbeis dificultades que enfronta a xente hoxe en día, como o aumento dos prezos e a emerxencia climática", advirte o colectivo ecoloxista.
Central nuclear de Ascó, en Tarragona. (Foto: Europa Press)
photo_camera Central nuclear de Ascó, en Tarragona. (Foto: Europa Press)

A decisión da Comisión Europea —aprobada polo Parlamento— de considerar enerxías 'verdes' o gas e a nuclear para beneficiarse dos incentivos ás enerxías renovábeis, por mor do seu "papel na transición ecolóxica" perante os investimentos privados, chegará aos tribunais. Esta quinta feira Greenpeace avanzou que elevará esta decisión ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea logo de que a Comisión rexeitase esta mesma mañá unha solicitude formal da entidade ecoloxista para "abandonar o lavado 'verde' do gas fósil e a enerxía nuclear".

Esa solicitude de revisión da norma, remitida en setembro a través de oito oficinas de Greenpeace —no Estado español, Alemaña, Francia, Italia, Bélxica, Luxemburgo, Europa Central e Oriental e mais Unidade Europea—, apuntaba a unha "violación do regulamento de taxonomía, a lei climática europea e as obrigas da UE ao abeiro do Acordo climático de París de 2015".

"Loitaremos contra esta falsa etiqueta verde nos tribunais. Estudaremos a resposta da Comisión, pero o seu inmenso cinismo sobre os combustíbeis fósiles e a enerxía nuclear é puro lavado verde, e podemos probalo. Os mesmos contaminadores que Ursula von der Leyen quere premiar cunha etiqueta sostíbel son os responsábeis de moitas das terríbeis dificultades que enfronta a xente hoxe en día, como o aumento dos prezos e a emerxencia climática", sinalou a responsábel da campaña de Finanzas Sostíbeis de Greenpeace, Ariadna Rodrigo.

A respecto da posición do Executivo de Pedro Sánchez, que se mostrou contrario á inclusión do gas e a nuclear como 'verdes', Raquel Montón, responsábel da área de Incidencia Política dos ecoloxistas, lamenta que "a diferenza doutros gobernos como o austriaco ou de organizacións como Greenpeace que tratan de defender nos tribunais os seus argumentos, o Goberno español non se sumou polo momento ás devanditas causas".

Desde Greenpeace precisan que o gas fósil supera o límite de emisións de carbono legal, fixado pola propia lexislación europea e mais o Acordo de París en 100 gramos de CO2 equivalente por kilowatt e hora (KWh), namentres a Comisión estabeleceu un limiar de 270 gramos. Outro dos argumentos esgrimidos é que, se ben o órgano comunitario defende que a inclusión do gas na taxonomía "é permisíbel porque non existen alternativas baixas en carbono tecnolóxica e economicamente factíbeis", estas si poderían chegar da man da eólica e a solar.

Ao mesmo tempo, matizan que "non poden considerarse transitorios" os investimentos nunha nova xeración de enerxía de gas fósil, como exixe o regulamento de taxonomía, dado que as citadas plantas "poderían permanecer en funcionamento alén da data límite da UE de 2050 para lograr a transición enerxética". Aliás, "xera unha vantaxe competitiva para o gas e obstaculiza os obxectivos legalmente vinculantes da UE de afastarse dos combustíbeis fósiles".

No que atinxe á enerxía nuclear, Greenpeace lembra que "causa un dano significativo ao medio ambiente", que "impide o desenvolvemento das renovábeis" e que a construción das centrais nucleares "é moi lenta", o que "atrasaría o abandono das plantas de carbón".

"A enerxía nuclear tampouco é unha tecnoloxía de adaptación climática, é dicir, unha que sexa resistente ao maior risco de eventos adversos causados pola crise climática. De feito, a enerxía nuclear vese moi afectada polos fenómenos climáticos adversos, como as vagas de calor e a seca", engaden, e poñen o foco finalmente en que estas instalacións "poden ser obxecto de ataques terroristas ou militares" que causarían "accidentes e contaminación".

Comentarios