Os Estados da UE queren incrementar a vixilancia sobre o sector pesqueiro
Os Estados da Unión Europea (UE) alcanzaron esta cuarta feira un acordo provisional co Parlamento Europeo para aumentar os sistemas de control para que os buques da UE e os que pescan en augas comunitarias sigan as normas estabelecidas na Política Pesqueira Común (PPC).
O acordo, que aínda debe ser adoptado formalmente, actualiza ao redor de 70% das normas existentes para o control dos buques. Algúns dos cambios que introduce a nova normativa son sistemas de seguimento de buques e rexistro electrónico, o rexistro da pesca recreativa, a revisión do sistema de sancións e a mellora da trazabilidade.
No que respecta aos produtos importados, introducirase un sistema dixital (coñecido como 'Catch') no marco da certificación de capturas para a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
O obxectivo desta medida é garantir que os certificados de captura e outros documentos relacionados sexan xestionados nunha contorna dixital única na UE, centralizando a capacidade das autoridades para detectar estes produtos.
En xeral, as novas normativas aplicaranse entre dous e catro anos despois da súa adopción definitiva, para que as autoridades pesqueiras da UE e outras partes interesadas se poidan adaptar aos novos requisitos.
Un maio de protestas do sector pesqueiro
Este acordo dáse no final dun mes de maio no que buques de toda a UE se teñen manifestado en contra das políticas de “destrución do futuro pesqueiro comunitario” postas en marcha por Bruxelas.
O sector pesqueiro comunitario pediu nestas protestas a dimisión do comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius. Ademais, este maio tamén tiveron lugar na Galiza protestas do sector contra o desenvolvemento da eólica mariña.