Os Estados da UE queren incrementar a vixilancia sobre o sector pesqueiro

A normativa chega no contexto das protestas da frota comunitaria durante o mes de maio.
Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre (Foto: Os mares de baixura).
photo_camera Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre (Foto: Os mares de baixura).

Os Estados da Unión Europea (UE) alcanzaron esta cuarta feira un acordo provisional co Parlamento Europeo para aumentar os sistemas de control para que os buques da UE e os que pescan en augas comunitarias sigan as normas estabelecidas na Política Pesqueira Común (PPC).

O acordo, que aínda debe ser adoptado formalmente, actualiza ao redor de 70% das normas existentes para o control dos buques. Algúns dos cambios que introduce a nova normativa son sistemas de seguimento de buques e rexistro electrónico, o rexistro da pesca recreativa, a revisión do sistema de sancións e a mellora da trazabilidade. 

No que respecta aos produtos importados, introducirase un sistema dixital (coñecido como 'Catch') no marco da certificación de capturas para a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

O obxectivo desta medida é garantir que os certificados de captura e outros documentos relacionados sexan xestionados nunha contorna dixital única na UE, centralizando  a capacidade das autoridades para detectar estes produtos.

En xeral, as novas normativas aplicaranse entre dous e catro anos despois da súa adopción definitiva, para que as autoridades pesqueiras da UE e outras partes interesadas se poidan adaptar aos novos requisitos.

Un maio de protestas do sector pesqueiro

Este acordo dáse no final dun mes de maio no que buques de toda a UE se teñen manifestado en contra das políticas de “destrución do futuro pesqueiro comunitario” postas en marcha por Bruxelas.

O sector pesqueiro comunitario pediu nestas protestas a dimisión do comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius. Ademais, este maio tamén tiveron lugar na Galiza protestas do sector contra o desenvolvemento da eólica mariña.

Comentarios