División no seo da Unión Europea a conta do prezo do tope ao gas que propón Bruxelas

Varios Executivos comunitarios advertiron á Comisión de que se non se retira esta proposta e non pon sobre a mesa outra máis razoábel, rexeitarán outras iniciativas que se expoñan en cuestións chave.
A vicepresidenta terceira do Estado español e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, esta cuarta feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta terceira do Estado español e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, esta cuarta feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

"Non é unha proposta seria. É unha tomadura de pelo". Así cualificou a vicepresidenta terceira do Estado español e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, a proposta da Comisión Europea de fixar un límite de 275 euros o megawatt hora (MWh) ao prezo das compras de gas.

A proposta coñecida esta terza feira marca un limiar que só foi superado o pasado mes de agosto, cando se alcanzaron marcas históricas en plena escalada dos prezos dos combustíbeis fósiles, que lastraron a inflación da eurozona até alcanzar os dous díxitos por primeira vez.

Varios Executivos comunitarios, entre os que se atopa o do Estado español, xa advertiron á Comisión de que se non se retira esta proposta e non pon sobre a mesa outra máis razoábel, rexeitarán outras iniciativas que se expoñan en cuestións chave.

"Cónstame que hai Estados membro que van pedir que se faga unha proposta seria ou directamente deixaremos de apoiar as propostas da Comisión noutros temas que tamén son de vital importancia", sostivo Ribera esta cuarta feira en declaracións á prensa nos corredores do Congreso.

As reaccións de indignación de moitos Executivos da Unión Europea (UE) prodúcense un día antes da celebración dun novo Consello extraordinario de Enerxía en Bruxelas, onde se debería aprobar o mecanismo extraordinario para a limitación do prezo do gas natural que compra a UE.

Con todo, parece que ese pacto non se alcanzará a non ser que a comisaria de Enerxía, a estoniana Kadri Simson, retire a proposta. "Teño a impresión de que a Comisión vai ouvir cousas moi duras por parte dos Estados membros", afirmou Ribera.

Na cimeira da quinta feira deberanse tomar decisións moi importantes para a economía do bloque comunitario. Ademais do mecanismo para limitar o prezo do gas, tamén se tratarán as compras conxuntas e a reforma do sistema eléctrico da UE, que está prevista que se leve a cabo o ano que vén. Estas cuestións poderían ser vetadas se os 275 euros por MWh non saen da ecuación.

Unha vella reclamación

A reclamación de polo menos unha quincena de Gobernos da UE de fixar un prezo máximo para pagar o gas que se importa non é nova. A idea, liderada polos dous Estados ibéricos, o español e o portugués, que conseguiron en xuño a denominada 'excepción ibérica', contaba co rexeitamento de Alemaña e os Países Baixos. Con todo, conseguiuse que en outubro a Comisión se comprometese a presentar unha proposta neste sentido.

A iniciativa consiste en fixar un límite ao prezo do combustíbel que os Estados do bloque estean dispostos a pagar polo produto que se importe, a partir do cal se activaría un mecanismo de emerxencia.

Con todo, a proposta do Executivo comunitario foi unha decepción para moitos Estados da UE ao ser o prezo pautado demasiado alto, debido a que por baixo dese límite a UE xa sufriu as consecuencias da inflación, que lastrou ao conxunto da economía.

Para Ribera, trátase “dunhas condicións que o fan practicamente inviábel", polo que insta á Comisión a "cambiar moitísimo a actitude" para poder chegar a un acordo. "O máis dramático é que lle pedimos que presente unha proposta e isto non é unha proposta seria, isto é unha tomadura de cabelo", concluía a ministra española.

Ao seu xuízo, o exposto por Simson é unha chamada ao aumento de prezos. "Xa en si mesmo está a incitar un incremento moi importante nas ofertas dos distintos provedores eléctricos", explicou Ribera, que considera que "xera o efecto contrario ao desexado" ao inducir "un incremento artificial de prezos". "Ímonos a opor rotundamente", advertiu.

Comentarios