A empresa galega de enerxía solar EiDF derrúbase 70% na bolsa e perde até 1.200 millóns de euros do seu valor

EiDF podería ter "falseado" documentos e facturas, segundo advertiu a CNMV a pasada semana.
Fernando Romero, director xeral de EiDF, durante o toque de campá na Bolsa de Madrid (Foto: BME Growth).
photo_camera Fernando Romero, director xeral de EiDF, durante o toque de campá na Bolsa de Madrid (Foto: BME Growth).

Esta segunda feira era esperada na bolsa estatal pola volta da solar galega EiDF ao parqué de cotización. Finalmente, terminou a sesión cunha caída de 70% (estaba limitada até este nivel) até os 8,93 euros por acción, o que implicou a perda de 1.200 millóns de euros de valor bolsista nun só día, tras levantarse a suspensión que pesaba sobre a compañía desde o 14 de abril.

Para ratificar o nivel de perdas houbo que agardar até a poxa final, xa que ao mediodía había unhas 67.238 ordes de compra por un total de 176.303 ordes de venda, o que impediu que a firma cotizase ao comezar a sesión.

A fociñada supuxo unha caída de 70%, o máximo permitido, con respecto aos 29,76 euros por acción nos que viu detida a súa cotización cando foi suspendida en abril pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Desta maneira, EiDF, un dos valores máis destacados do BME Growth (mercado de valores estatal orientado a pequenas e medianas empresas en expansión xestionado por Bolsas e Mercados Españois e supervisado pola CNMV) por capitalización, cun valor de 1.721,5 millóns de euros cando foi suspendida, viu evaporarse na súa volta máis de 1.200 millóns de euros do seu valor.

Fin da suspensión

A CNMV acordou a semana pasada levantar a suspensión cautelar que pesaba sobre a firma. A decisión do supervisor de permitir a súa volta ao mercado produciuse tras pórse ao dispor do público información privilexiada respecto ás circunstancias que aconsellaron a adopción do acordo de suspensión previo.

Esta información inclúe as comunicacións de información privilexiada realizada desde a data da suspensión pola propia sociedade e o requirimento adicional da CNMV. O organismo acusou EiDF Solar de non dar ao mercado unha información completa, omitindo o resumo executivo do informe forensic (investigación interna no seo dunha compañía para esclarecer asuntos a pedimento da propia empresa ou dun terceiro vinculado á firma como un accionista ou membro do consello) realizado por Deloitte, e de levar a cabo "omisións moi relevantes".

Ademais, a pasada quinta feira, a CNMV fixo público un requirimento que remitiu á compañía o pasado 21 de agosto no que lle comunicaba que a información que presentou a empresa no seu momento, coas súas contas reformuladas despois de máis de catro meses suspendida de cotización, era incompleta e podía "inducir a confusión ao público".

Posíbel falseado de documentos e facturas

Neste escrito, organismo presidido por Rodrigo Buenaventura advertía á empresa dirixida por Fernando Romero de que o informe forensic de Deloitte incluía un relato de feitos e evidencias "de gran transcendencia" para os accionistas de EiDF. Deles, destacaba as evidencias de "posíbel falseamento de documentos por parte da compañía, dada a súa especial relevancia".

Neste sentido, a entidade reguladora do Mercado de Valores estatal tamén advertía de que algún debedor da compañía con sede na Galiza "tería emitido facturas que non se corresponderían con servizos efectivamente prestados, polo que poderían tratarse de facturas falsas".

A CNMV solicita que a empresa mude o conselleiro delegado 

A CNMV pediu a EiDF que comunicase que contratará un novo conselleiro delegado, tal e como recollía na información que publicou o pasado 17 de agosto. Neste caso a compañía si que remitiu un comunicado no que indicaba que a reordenación de funcións executivas que anunciou implica a contratación dun novo conselleiro ou conselleira delegada e que o prazo máximo para finalizar o proceso de incorporación será de seis meses.

Actualmente, o conselleiro delegado de EiDF é Fernando Romero, nado en Errenteria (Euskal Herria) en 1982, mais de orixe galega. Romero tiña un patrimonio neto, actualizado a 8 de febreiro de 2023, de 1.185 millóns de euros, 464% máis que un ano antes, que lle facía ocupar o quinto posto entre as persoas máis ricas da Galiza e o número 46 a nivel estatal.

Comentarios